VIVENDA

A colaboración entre Unión Fenosa e Emuvissa permitirá aforrar máis de seis meses na entrega de licenzas de primeira ocupación

01/03/2007 O alcalde compostelán e presidente da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa), Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou un convenio de colaboración co director de Distribución Galicia de Unión Fenosa, Manuel Domingo Fernández Pellicer. Este acordo permitirá que nos polígonos promovidos por Emuvissa se poidan adiantar entre seis e doce meses a entrega das licenzas de ocupación, segundo indicou o alcalde.

Sánchez Bugallo apuntou que o convenio fará "que se simplifiquen os procedementos á hora da recepción da obra e que se garanta o mellor servizo posible aos cidadáns de Santiago". Neste mesmo beneficio insistiu Fernández Pellicer, que destacou a "axilidade" que permitirá esta colaboración, "asegurando o control e a supervisión para que ao final da obra non haxa ningún problema". Este convenio aplicarase a tódolos polígonos de vivendas e industriais que promove Emuvissa.

En virtude do convenio asinado, Unión Fenosa colaborará con Emuvissa no deseño eléctrico das instalacións de distribución correspondentes aos instrumentos de desenvolvemento do planeamento, aos proxectos de urbanización e aos proxectos de edificación que esta última promova, tanto a nivel de estudios de viabilidade como de proxectos construtivos, facilitando asesoramento técnico durante todo o proceso de xestión.

Unión Fenosa facilitará a Emuvissa o estudo técnico económico correspondente para dotar de infraestrutura eléctrica aos polígonos promovidos por Emuvissa, así como os estudos de recuamento para a adaptación das instalacións afectadas existentes no seu ámbito de influencia. Recibidos os estudos e nun prazo de catro meses, Emuvissa informará á eléctrica da súa integración na documentación técnica, coas adaptacións necesarias, e dos acordos de aprobación que se produzan, aos cales Unión Fenosa emitirá certificado de conformidade ou formulará alegacións.

Emuvissa realizará e executará ao seu cargo toda a infraestrutura eléctrica contemplada nos proxectos de urbanización ou de edificación aprobados, e de acordo ás especificacións técnicas que Unión Fenosa fixera nos estudos. Excluiranse aqueles traballos que poidan corresponder a reforzos de redes existentes, infraestruturas dentro das instalacións de Unión Fenosa e conexións a redes existentes, que serán executados pola eléctrica e costeadas por Emuvissa ou por terceiros que a empresa determine.

Actuacións complementarias

Dende a aprobación definitiva dos proxectos de urbanización ou de edificación promovidos por Emuvissa, Unión Fenosa comprométese a definir os requirimentos técnicos daquelas peticións de terceiros formuladas para realizar actuacións complementarias no ámbito dos desenvolvementos xestionados por Emuvissa, ao obxecto de permitir, se fora posible, a súa execución conxunta coas instalacións eléctricas vinculadas é empresa municipal.

Se as actuacións promovidas por Emuvissa aínda non tiveran servizo eléctrico, Unión Fenosa comunicará a Emuvissa calquera solicitude de terceiros que non fora posible atender, con especificación das modificacións necesarias a realizar. En calquera caso, será o solicitante quen deberá obter as autorizacións e asumir os gastos complementarios, pero as dúas entidades comprométense a facilitar, cando así sexa posible, estas actuacións complementarias.

Compartir: