CONSORCIO

A TVG emite a estrea televisiva da ópera galega "A amnesia de Clío", do compositor Fernando Buíde, o sábado 16 de maio

06/05/2020 A segunda canle da TVG emitirá o sábado 16 de maio a estrea televisiva da ópera galega A amnesia de Clío, do compositor Fernando Buíde e texto do dramaturgo Fernando Epelde. Será ás 22:45 horas, no marco da programación especial do Día das Letras Galegas. Ao día seguinte, o domingo 17, haberá unha redifusión da ópera arredor da medianoite na primeira canle da TVG.

A Real Filharmonía de Galicia estreou esta ópera en novembro de 2019 no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel, coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo. Tamén se representou no Teatro Colón da Coruña e no Auditorio Municipal de Ourense (neste caso en versión concerto).

A ópera A amnesia de Clío é unha coprodución da compañía Voadora -con dirección escénica de Marta Pazos- e o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, Centro Dramático Galego, Xunta de Galicia e a Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; realizada co apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela e do Concello da Coruña; e co patrocinio do Xacobeo 2021. A obra é o resultado dun proxecto desenvolvido coa Beca Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais 2017 da Fundación BBVA.

Dous anos de traballo do compositor Fernando Buíde
O compositor Fernando Buíde explica que A amnesia de Clío é "unha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas se entrecruzan para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e outro na distopía, unha distopía escrita en clave feminista". É unha ópera en tres actos, froito de case dous anos de traballo do compositor, que aborda a entrada da muller na alta política e no mundo da arte. A protagonista é a musa Clío, encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política.

Grandes voces do eido nacional
O rol principal, o da musa Clío, interprétao a soprano Raquel Lojendio. O barítono Sebastià Peris desenvolve o rol do ex presidente dos Estados Unidos George W. Bush. Pola súa parte, a mezzosoprano Marina Pardo interpreta a Angela Merkel e á sarxento norteamericana Leslie Zimmerman. O elenco de voces complétao o compostelán Orfeón Terra A Nosa, dirixido dende 1984 polo mestre Miro Moreira.

#AMiñaNoiteNaÓpera
Un dos principais esforzos da Real Filharmonía de Galicia oriéntase a achegar a orquestra e a música clásica a todos os públicos. "Animamos os espectadores a gozar coa estrea televisiva desta ópera e convidamos ao público a vivir esta experiencia dun xeito especial e a compartir a súa foto nas redes sociais co hashtag #AMiñaNoiteNaÓpera, sinalan dende a RFG.

Compartir: