VIVENDA

Concedida a licenza de primeira ocupación para os polígonos de Volta do Castro e Belvís

28/02/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión con técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo, trala cal quedaron resoltos os problemas que afectaban á concesión da licenza de primeira ocupación dos polígonos 16 (Volta do Castro) e 9 (Belvís), promovidos polo IGVS e xa rematados.

Sánchez Bugallo explicou que queda por resolver unha última fase do polígono 15 (Ponte Pereda), con respecto ao cal o IGVS se comprometeu a realizar unha serie de obras que acometerá inmediatamente. Unha vez rematadas, poderanse dar por resoltas as licenzas de primeira ocupación.

No tocante á recepción definitiva dos polígonos, decidiuse de mutuo acordo identificar os problemas máis importantes. Nestes días, o IGVS redactará un documento especificándoos, e prevese que o día 13 de marzo haxa un novo encontro no que, previsiblemente, se podería asinar xa a acta de recepción. Deste xeito, o IGVS comprométese a resolver os problemas estruturais nun prazo determinado, mentres que o Concello se fará cargo dos problemas menores e da recepción provisional dos polígonos e, xa que logo, da súa conservación e mantemento.

Compartir: