XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá continuidade ao expediente de contratación da obra da rúa dos Concheiros

04/05/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta este luns dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local. Entre eles figurou o levantamento da suspensión e, en consecuencia, a continuidade do expediente de contratación da obra da rúa dos Concheiros, interrompido no seu día a raíz da declaración do estado de alarma.

Segundo anunciou o rexedor, nos vindeiros días publicarase nos boletíns correspondentes e sairá á licitación para a presentación de ofertas. Cómpre lembrar que esta actuación está incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado- EDUSI, e ten un tipo de licitación de 2.651.608,87 euros (IVE incluído).

Sánchez Bugallo explico que o levantamento da suspensión deste expediente vai avalado con dous informes: un elaborado por Promoción Económica que incide nos graves danos que para o comercio e a hostalaría tería a demora desta actuación durante o ano 2021, e outra do departamento de Obras sobre a necesidade de "acompasar esta obra de Concheiros coa que a Xunta está executando na avenida de Lugo".

Bolardos e elementos de control
A Xunta de Goberno tamén deu continuidade ao expediente para a subministración e posta en marcha de bolardos e elementos de control da accesibilidade no casco histórico. Esta actuación está incluída no proxecto Smartiago.

Adquisición de equipos informáticos e liñas móbiles
No capítulo de validacións, aprobouse a do contrato mediante o que se adquiriron no seu día 20 equipos informáticos orientados ao teletraballo. Tamén se deu o visto bo á subministración e instalación de paneis e mamparas protectoras en oficinas municipais de atención ao público.

En materia educativa, adquiríronse 70 liñas de telefonía móbil, con bonos de datos, para alumnado de primaria, no marco dun programa conxunto coa Xunta de Galicia e os colexios.

Máscaras
Ademais, nesta sesión aprobouse a compra de 10.000 máscaras cirúrxicas, por 9.200 euros. A propósito deste material, o alcalde apuntou que hoxe mesmo Protección Civil repartiu máscaras para o transporte público. "Manteremos este reparto ata o venres, salvo que nos quedemos sen material, pero xa non estaríamos en condicións de garantir que a semana que vén poidamos ter para cada usuario/a do transporte", indicou. Tamén anunciou que o sábado se volverá a repartir máscaras na praza de Abastos.

Lembrou o rexedor que as máscaras adquiridas polo Concello se dividiron en tres lotes: un reservado polo consistorio para garantir servizos básicos e esenciais durante oito semanas; outro de reserva "en previsión dun repunte no mes de outubro"; e un terceiro que "imos repartindo entre a cidadanía e usuarios/as de diferentes servizos".

Afirmou que "están encargadas outras 20.000 máscaras, pero non podemos garantir a data de subministro, polo que actuaremos coa prudencia". En calquera caso, quixo deixar claro que "o Concello non ten capacidade, nin lle corresponde, para garantirlle as mascaras individuais a cada persoa. Levamos repartidas unhas 14.000, e entre esta semana e vindeira repartiremos outras 14.000, pero Concello non ten capacidade para garantir máscaras a cada cidadán de Santiago". Por iso, concluíu, "cada un de nós debe buscar a maneira de facerse con elas".

Desescalada
O alcalde aproveitou a rolda de prensa para "agradecer o comportamento cívico ao longo destes días de desescalada" e lembrou que "dependemos da responsabilidade individual e colectiva", xa que "non hai servizo policial capaz de exercer un control total" sobre os movementos da cidadanía. Pediu a colaboración cidadá e reiterou a "chamada ao civismo", porque "non hai alternativa".

Tamén sobre a desescalada, esta mesma tarde está prevista unha xuntanza do grupo de Goberno para "ir ultimando o plan de desescalada". Sánchez Bugallo anticipou a intención de aprobar este venres, nunha Xunta de Goberno extraordinaria "o plan propio de desescalada, dando cumprimento ao establecido polo Goberno central".

Mobilidade
Ao fío igualmente deste tema, preguntado pola mobilidade, o alcalde apuntou que se está a producir "unha recuperación do tráfico en vehículos privados máis que do transporte público". Así indicou que este, a semana pasada, só un día chegou ao 6% respecto á situación antes da crise, mentres que o tráfico privado alcanzou niveis do 28%. "A miña impresión persoal é que esta semana se intensifique aínda máis o vehículo privado, polo que é complicado retirar vehículos de circulación cando esta vai aumentar", afirmou ao respecto dunha pregunta sobre peonalización de rúas.

Tamén en relación á mobilidade, o alcalde anunciou que haberá cambios na ORA respecto á situación actual e que estes cambios serán igualmente progresivos.

Terrazas
Preguntado polo sector hostaleiro e as terrazas, Sánchez Bugallo reiterou a máxima "sensibilidade" co sector, pero tamén insistiu en que "o espazo público non é exclusivo da hostalería e tamén temos que asegurar a seguridade dos viandantes e que estes poidan respectar as distancias de seguridade". Afirmou estar á espera da concreción do tema da colocación de mamparas, porque "isto facilitaría que non fose necesario deixar tanto espazo entre mesa e mesa". En calquera caso, concluíu, "estudiaremos individualmente cada caso".

Concurso Selic 2020
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou as bases do concurso de creación literaria da Selic 2020, que proximamente se publicarán no BOP.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: