RELACIÓNS VECIÑAIS

O Concello informa ás asociacións veciñais dos cambios na tramitación de obras e traballos menores a carón dos ríos

03/05/2020 O Concello de Santiago de Compostela vén de informar á cidadanía, a través das asociacións veciñais, das modificacións na tramitación de obras e traballos menores no Dominio Público Hidráulico e na Zona de Policía dos ríos integrados na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica. O obxectivo destes cambios é ampliar o catálogo de actuacións que se poden acometer ao carón dos ríos con só unha declaración responsable ante a administración hidráulica da Xunta, sen ter que agardar a autorización de Augas de Galicia. Ademais, a nova normativa introduce como novidade que estes traballos menores poidan comezar dende o mesmo momento da presentación da declaración responsable, o que axiliza a súa tramitación

O novo Real Decreto 42/2020, de 30 de xaneiro, publicado no DOG do 3 de marzo, considéranse actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico a retirada de árbores mortas; a retirada de obstrucións na canle; a retirada de elementos que degraden ou contaminen o río; o mantemento de estacións oficiais de medición; o pintado, revestimento ou impermeabilizacion de fachadas; o cambio de fiestras; a substitución de tellados e outras actuacións de similares características; o bacheo ou renovación de camiños de servizo, veciñais, agrícolas, forestais ou pecuarios; as obras de mantemento ou de mellora na rede viaria pública; os tendidos soterrados de redes de abastecemento, sumidoiros, electricidade, gas ou telecomunicacións (sen movemento de terras); a colocación ou substitución de carteis informativos ou sinalización; o peche con pastor eléctrico para gardar animais, e os peches permeables de malla ou similares.

Cómpre lembrar que o Dominio Público Hidráulico comprende o leito do río e unha franxa, a cada un dos lados, de cinco metros. Na Zona de Policía ese límite esténdese ata os cen metros a cada lado do río.

Compartir: