ALCALDÍA

O alcalde considera "inaceptable" a proposta de convenio de Acuaes para o financiamento da nova EDAR da Silvouta

27/04/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que na mañá deste luns Acuaes remitiu ao Concello a súa proposta de convenio para o financiamento da nova EDAR da Silvouta. O rexedor considerou "inaceptable" esta proposta, que foi sometida a discusión co resto de grupos municipais este mesmo luns nunha xunta de voceiros.

A proposta de Acuaes, explicou o alcalde, "é que eles financiarían o 50% do investimento, e que a parte que non se financiara con fondos europeos tería que ser repercutida na tarifa. E Xunta e Concello debería financiar o 50% restante". Cualificou este alternativa como "inaceptable", ademais de que "non foi tratada previamente co Concello", e agarda que "sexa reconducible esta negociación".

En calquera caso, indicou, "este é un tema incluído nos compromisos cidade, polo que non fixaremos unha posición unilateral sen que esta sexa previamente discutida co resto de grupos municipais". Pero a súa opinión é que "os fondos europeos que se perdan, se se perden, deben ir con cargo á Administración central. Esa é a nosa opinión e é pola que imos pelexar".

Para Sánchez Bugallo, "aquí estamos colleitando o que se sementou ao longo de todos estes anos. Había un proceso perfectamente planificado hai nove anos, pero por razóns políticas se cambiou de ubicación a EDAR e dende entón seguen vindo os problemas", polo que "cada un terá que analizar a súa cota de responsabilidade". Non excluíu a cota de responsabilidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, por que esta "é unha obra de interese xeral e, polo tanto, competencia do Goberno de España", que "ten a responsabilidade de terlle feito caso á Xunta e ao Concello". Por iso, repartiu a corresponsabilidade entre "uns por pedir e outros por aceptar".

Con todo, lembrou que, cara a disposición de fondos europeos, "o prazo de execución remata en 2023, e espero que se poida ampliar aínda máis, pero iso non depende de nós, depende de Europa e da propia xestión do Goberno central".

Direcciones relacionadas



Compartir: