ALCALDÍA

O alcalde apela á "responsabilidade" de pais e nais no desconfinamento dos menores de 14 anos

24/04/2020 Con vistas á apertura este vindeiro domingo da posibilidade de que nenos e nenas poidan saír a pasear, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, fixo un chamamento á "responsabilidade" dos pais e nais. O Concello manterá os parques públicos abertos, pero os parques infantís permanecerán pechados.

Sánchez Bugallo indicou que son 11.135 os nenos e nenas de entre 0 e 13 anos empadroados en Santiago de Compostela. Unha cifra así, dixo, é "difícil de controlar por parte das forzas e corpos de seguridade e non queda máis remedio que apelar á responsabilidade da poboación, tal como veñen mantendo, dunha forma excepcional, nestas seis semanas". Nese sentido, insistiu, "temos que facer todo o que estea na nosa man para actuar con prudencia e respectando as normas. Os pais e nais deberán estar moi pendentes e deben concienciar tamén os nenos e nenas".

Os parques públicos manteranse abertos porque, en palabras do rexedor, "son zonas de esparexemento, para respirar, e que facilitan que se respecten as distancias de seguridade". En cambio, os parques infantís permanecerán pechados como ata agora.

Preguntado tamén sobre recomendacións dalgúns especialistas sobre o uso de máscaras especiais por parte dos mais pequenos e pequenas, mostrouse "perplexo" e indicou que o Concello "non ten este tipo de máscaras nin vexo ningunha posibilidade de que as teñamos, pois estariamos falando de 80.000 máscaras á semana".

Sobre esta cuestión e a risco de resultar "polémico", o alcalde atreveuse a recomendar "solucións artesanais" para a realización de máscaras. "Nos non podemos repartir máscaras que non estean homologadas, pero iso non que dicir que sexan peores", afirmou, referíndose a unhas máscaras que cualificou como "excelentes" e que, "cando son de tela, son reutilizables". Por iso animou aos pais e nais a que "fagan as súas propias máscaras, porque é probable que sexa a única solución viable a curto prazo".

Máis de 1.000 familias usuarias do tícket especial de compra
Sánchez Bugallo fixo balance da semana en relación ás medidas para facer fronte á COVID-19 e apuntou que "dende o Concello seguimos esforzándonos en garantir a atención á poboación máis vulnerable e máis necesitada". Así, respecto ao programa de apoio social posto en marcha, destacou que, este pasado mércores, un total de 1.034 familias (2.722 integrantes) xa facían uso do tícket especial de compra.

Esta cifra, sumada á doutros programas, como os de comedores, renda social ou axuda no fogar, poñen de manifesto que "preto de 4.000 persoas están recibindo axuda especial por parte do Concello, subliñou o alcalde. "Sentímonos orgullosos de poder axudar a esta xente, pero tamén preocupados pola dimensión e magnitude deste problema, que non podemos garantir que co fin do estado alarma quede resolto", explicou. Por iso, considera "fundamental" que se aprobe a renda mínima social por parte do Goberno do Estado.

Reparto de máscaras
Polo demais, indicou que continúan diariamente os labores de desinfección por parte dos Bombeiros e dos servizos de limpeza, e co reparto de máscaras no transporte e en determinadas instalacións. Así, anunciou que este sábado se repartirán no Mercado de Abastos.

A pasada semana repartíronse 10.000 máscaras e outras 3.000 esta semana, pero o alcalde expresou a súa preocupación porque "para a semana que vén xa só nos quedan 1.000, porque o resto hai que mantelas para garantir os servizos esenciais". Se ben se están realizando xestións para adquirir máis, o rexedor afirmou que "non é doado", porque "a demanda é superior á oferta" e pola dificultade para "atopar operadores que vendan por debaixo do límite de prezo imposto polo Goberno". O Concello intenta agora adquirir 45.000 máscaras máis, para "garantir servizos esenciais e para repartir no transporte ou nos comercios que colaboran no tícket especial de compra".

Non apertura do hospital de campaña
Continuando co seu balance, o alcalde destacou que "a falta dunha confirmación oficial, case está confirmado que non se abrirá o hospital de campaña previsto no Multiúsos do Sar". "A ocupación dos hospitais de Santiago está baixando, estase mellorando a atención de persoas que o precisan e incrementándose o número de probas que se están a facer, o que contribúe a transmitir seguridade e tranquilidade á poboación", dixo.

Finalmente ofreceu o dato de que 180 funcionarios/as municipais exercen as súas funcións na modalidade de teletraballo e que outros 32 máis o teñen solicitado. Completarase a habilitación dos que quedan "a medida que se dispoña de equipos", sobre todo á vista de que "o Goberno parece que vai recomendar seguir co teletraballo durante uns meses mais".

Convocatoria de axudas
Ademais, Sánchez Bugallo anunciou que a semana que vén "imos sacar a convocatoria de axudas a comercio, autónomos e pequenos empresarios", na que daremos un prazo de 20 días hábiles para realizar as solicitudes. Igualmente durante esta próxima semana aprobarase o programa destinado ao turismo e estase ultimando o programa de apoio ao sector cultural.

A propósito dunha pregunta xornalística sobre a hostalería, recordou que unha parte das medidas destinadas ao sector está no devandito programa para o turismo, tal como se lles informou nas reunións mantidas esta mesma semana. Ao respecto das súas peticións, o alcalde dixo que "algunhas son posibles, outras son mellorables e outras non son viables". Puxo como exemplo destas últimas, a "ampliación sen límite das terrazas; iso non é posible, porque a vía pública é de todos os/as cidadáns/ás".

Incumprimentos do confinamento
Tamén en resposta a unha pregunta, neste caso, polos conflitos de convivencia xerados por algunha persoa neste período de estado de alarma, Sánchez Bugallo apuntou que "hai persoas, algunhas cunha actitude agresiva, que teñen unha problemática engadida, que antes satisfacían coa mendicidade, pero que agora se viu minguada porque hai menos xente na rúa e porque pagamos con tarxeta".

En particular, destacou unha persoa que acumula unhas 20 denuncias no período de confinamento e catro detencións. Por iso, agarda que "a Fiscalía e a Xustiza sexan coñecedoras do problema e poidan facer algo para axudarnos", porque "é unha ameaza importante cara outras persoas e especialmente para os traballadores sociais".

Desescalada
Para rematar, e sobre as medidas do Goberno central para facilitar unha desescalada do confinamento, o alcalde indicou que se "está pendente da información que se facilite". En calquera caso, quixo destacar que, despois de cada decisión tomada dende o Goberno do Estado ou pola Xunta de Galicia, "en menos de 12 horas, ou incluso antes", o Concello tiña adoptadas as correspondentes medidas no ámbito municipal.

Direcciones relacionadas



Compartir: