ALCALDÍA

Con motivo do Día Mundial do Libro, o Goberno local lembra que a lectura favorece a aprendizaxe, potencia a memoria e esperta a imaxinación

22/04/2020 Con motivo do "Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor", que se celebra mañá xoves, 23 de abril, o Concello de Santiago de Compostela quere lembrar á cidadanía a importancia da lectura tanto a nivel de aprendizaxe, de adquisición de coñecementos; como a nivel emocional e a nivel de entretemento. O Goberno municipal recorda que, entre outros aspectos, ler mellora a expresión oral, aumenta a nosa comprensión e a nosa capacidade comunicativa, potencia a memoria, esperta a imaxinación e mantennos informados. Por iso, a través dunha campaña en redes baixo o hastag #Compostelalenacasa, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e distintos concelleiros recomendan a lectura de varios libros, e destacan o enorme potencial literario que ten Galicia.

O Concello de Santiago conta cunha rede de aulas de lectura en distintos centros socioculturais (en Fontiñas, Santa Marta,Vite, Conxo e Castiñeiriño), agrupadas baixo o nome de biblioteca José Saramago e adheridas á rede de préstamo de libros da Xunta de Galicia. Todas elas contan cunha programación pensada tanto para os pequenos lectores, como para as persoas adultas, que agora se está vendo interrumpida polo confinamento ante a crise do coronavirus. Igual que a Campaña Municipal de Animación á Lectura, en colaboración coa Editorial Kalandraka, que este ano acadaba a súa vixésima edición baixo o título O can de Milu, e que se debería ter desenvolvido entre o 24 de marzo e o 9 de abril. Neste momento, dende a Concellaría de Educación están estudando a posibilidade de adiala e celebrala máis adiante, unha vez rematado o período de confinamento.

A pesares destas eivas, desde distintos departamentos do Concello póñense a disposición da cidadanía as ferramentas necesarias para que fomentar a lectura. Como "O Conto Viaxeiro", unha proposta do Departamento de Lingua Galega; ou como Ler en liña e liñas para ler, integrada na Axenda C de Compostela Cultura, a través da cal se pode acceder a Galicia le, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico, pertencente á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que permite ler sen saíres da casas. Outra opción para pasar o tempo de ocio é Palabras en rede, na que se pode acceder a creacións narrativas e poéticas de distintos autores; e ao salón virtual que puxo en marcha o Salón do Libro de Pontevedra, con contos, cantigas, obradoiros, malabares, kits de supervivencia poética, etc.

Ademais, a través da Axenda C, podes realizar a túa recomendación literaria para o Día do Libro. As propostas recibidas entrarán no sorteo de publicacións editadas polo Auditorio de Galicia, camisolas e bolsas coa imaxe de @CCultura.

Recomendacións de lectura
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, acaba de ler La madre de Frankenstein, un relato de máis de 500 páxinas de Almudena Grandes, pertencente á serie Episodios de una guerra interminable. Unha novela "intensa", que recomenda, e que, engade, "atrapa o lector" a través da historia dun xoven psiquiatra que regresa de Suiza a España a mediados da década dos anos 50 para traballar nun manicomio de mulleres ao sur de Madrid, nunha época gris e de represión, onde se castigaban as ansias de liberdade.

A concelleira de Acción Cultural escolleu O camiño do vento, un libro póstumo de poesía que, malia "ás terribles circunstancias que sufriu a autora", Sesé Mateo, asasinada por violencia machista en 2017, transmite mensaxes solidarias e de amor. Para Mercedes Rosón, "a historia que ten detrás é a vida que viviu Sesé. Unha historia que implicou a moita xente nun proxecto común, que axuda a recordala dun xeito moi especial,como merece". Nestes tempos, continua, "está moi ben lembrar a alguén que nos seus momentos máis duros buscou a cultura como válvula de escape, que no fondo é para o que nos debe servir sempre, e máis agora". A concelleira lanza ademais unha mensaxe de apoio as librarías, aos autores, e as editoriais: "que saiban que teñen todo o noso apoio e que dende o Concello estamos ultimando unha serie de medidas para mitigar esta crise a que nos estamos enfrontado".

Para evadirnos e deixar paso á imaxinación nestes días de confinamento, Mila Castro, concelleira de Políticas Sociais, recomenda unha historia de suspense ambientada en Vigo: Un lume azul, de Pedro Feijoo. Para Mila Castro, os libros son "sempre compañeiros, aliados, refuxio, desafogo…", xa forman parte, engade, "da nosa vida cotía. Son, sinala, "un recuncho onde nos podemos refuxiar, soñar e abstraernos en tempos difíciles como o actual". E tamén, continúa, "son unha fonte de aprendizaxe, que nos axuda a enfrontar os problemas que nos poidan xurdir ao longo da nosa vida".

A recomendación da concelleira de Educación e Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, está dirixida aos máis cativos. Relata, a modo de conto, os libros gañadores do XII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Departamento de Educación coa colaboración da Editorial Kalandraka.

O responsable de Turismo, Sindo Guinarte, decántase polo xénero narrativo, pola novela que está lendo neste momento, Artículo 353 do Código Penal, do autor francés Tanguy Viel, que relata a historia dun obreiro vítima da crise industrial, que tira pola borda dun barco a un especulador. O relato, segundo explica Guinarte, "amosa a situación de desamparo da clase traballadora e a vileza moral dos especuladores que buscan diñeiro a toda costa".

Mentres, a responsable da área de Deporte, Esther Pedrosa, convídanos a ler El entrenamiento de resistencia, de Mariano García-Verdugo, no que o autor fala de como adestrar dun xeito eficiente; e Dispara, yo ya estoy muerto, de Julia Navarro, unha historia que di, "explica moi ben a orixe do conflicto palestino".

Tamén dende a rede de Centros Socioculturais quixeron recomendarnos libros. E fanno a través dun vídeo, no que participa persoal dos centros, persoas usuarias, editores e autores. Convídannos a coñecer publicacions como Las lágrimas de Shiva, de César Mallorqui, ou Nunca sabes adonde te lleva la vida, de Michael Künstler, unha historia autobiográfica cun final feliz que ten como escenario Santiago de Compostela.

Compartir: