XUNTA DE GOBERNO

O Concello dá continuidade aos procedementos de licitación suspendidos polo estado de alarma

20/04/2020 A Xunta de Goberno Local celebrada este luns acordou dar continuidade a todos os procedementos de licitación en marcha, paralizados no seu día a consecuencia da crise sanitaria do COVID-19 e da declaración do estado de alarma. Na reunión tamén se acordou o reinicio dalgúns servizos tamén paralizados e aprobouse o Plan Marco de Reactivación Económica presentado o pasado venres.

Unha vez dada a orde de continuidade dos procedementos de licitación, "haberá que habilitar de xeito individual a convocatoria de cada procedemento, sempre suxeitándonos ás determinacións do estado de alarma, que só autoriza aqueles que teñan carácter de urxencia, emerxencia ou que afecten a servizos esenciais", explicou o alcalde. "Os procedementos que legalmente sexa posible sacarémolos a concurso público", insistiu.

Puxo como exemplo de tramitacións que poderán continuar a da reparación dos muros de Fontiñas, Pombal e Costiña do Monte, que contan no orzamento de 2020 cunha partida de algo máis dun millón de euros. Outra das obras que o Concello ten interese e sacar a licitación canto antes é a de Concheiros, que "ademais está a disposición de saír a licitación inmediata". Non obstante, dixo, neste caso "hai que motivalo ben" para que poida entrar nos supostos permitidos, polo que "temos que esperar os informes técnicos e xurídicos".

Activación de servizos
Na Xunta de Goberno tamén se adoptaron varias decisións tendentes a reactivar servizos ata agora suspendidos e a axilizar algunhas das medidas postas en marcha con motivo do estado de alarma. Así, recoñeceuse a validez legal dos documentos asinados dixitalmente, para axilizar a tramitación administrativa; levantáronse os prazos na concesión de licenzas de obras e procedementos urbanísticos; e habilitouse un sistema máis áxil para as autorizacións de ocupación do espazo público.

Tamén se aprobou unha modificación das bases de execución do orzamento, que irá ao próximo pleno, orientada a incluír o procedemento de pago denominado como anticipo de caixa fixa. O obxectivo deste cambio é axilizar o sistema de pago aos establecementos que están participando no sistema de tícket especial de compra.

Outro dos acordos foi o de modificación dalgunhas ordenanzas fiscais, con dous obxectivos principais, tal como indicou o alcalde: permitir o aprazamento de pagos e posibilitar que, no caso das terrazas hostaleiras, se poida descontar a parte correspondente destes meses nas que non poden estar operativas.

Plan Marco de Reactivación Económica
Na sesión deste luns tamén se aprobou o Plan Marco de Reactivación Económica, presentado en rolda de prensa o pasado venres. Este programa conta cunha previsión económica inicial de 5.001.439,69 euros, e contempla 23 medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos, ao comercio, a hostalería e ao emprego. Trátase dun plan deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio unha vez remate o período de confinamento, que incide, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e a poboación desempregada.

Convenios
No capítulo de convenios, aprobáronse dous: o do Refuxio de Animais, por importe de 200.000 euros, e o da Fundación Eugenio Granell, por 155.000 euros. Ademais, deuse conta dunha addenda aos acordos subscritos polo Concello co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e co IGVS para ampliar ata o 31 de decembro o prazo dos diferentes convenios de rehabilitación de vivendas.

Ascensión, Ano Santo e reapertura do comercio
A preguntas xornalísticas sobre unha solicitude da entidade Comercio Punto Compostela sobre a desinfección de locais comerciais por parte do Concello cando se produza a súa reapertura, o alcalde mostrouse "sorprendido" pola petición tendo en conta que "o virus non vive máis de tres días e eses locais levarán cando abran dous ou tres meses pechados. É imposible que teñan ningún problema co coronavirus e tampouco o Concello ten capacidade para facer isto". En relación á posibilidade de dotar a comerciantes e empregados de guantes e máscaras, indicou que este tipo de subministración "é competencia da Comunidade Autónoma e, en principio, non está ao noso alcance".

Respecto á prolongación do Ano Santo ao 2020, apuntou que "a min dende logo que me gustaría", ao igual que "estaría feliz que o Papa nos visitara en 2021", pero estas, dixo, "son decisións que dependen do Vaticano.

Finalmente, preguntado polas festas da Ascensión, apuntou un "xa veremos", convencido de que a emerxencia sanitaria se prolongará bastante máis alo do remate do estado de alarma e da imposibilidade do levantamento de restricións para o mes de maio. "Conformaríame con poder celebrar a festa da Primavera antes do 21 de xuño", concluíu.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: