ALCALDÍA

PLAN MARCO DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA "COMPOSTELA 2020"

14/04/2020 O Concello pon en marcha o Plan marco de reactivación económica Compostela 2020 para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID19". Conta cunha previsión económica inicial de 5.001.439,69 euros, e contempla 23 medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos, ao comercio, a hostalería e ao emprego. Trátase dun plan deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio unha vez remate o período de confinamento, que incide, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e a poboación desempregada.

Este Plan Marco de Reactivación Económica estrutúrase en 23 medidas, enfocadas a seis eixos estratéxicos, que á súa vez están agrupados en catro bloques. Os seis eixos estratéxicos son: axudas directas a comerciantes, hostalería, persoas autónomas e microempresas; apoio específico ao sector do comercio; reforzo da política de fomento da actividade económica e apoio ás novas persoas emprendedoras; contratación directa de persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese social; mellora do mercado de traballo local; cualificación e inserción profesional; e medidas fiscais.

Dos cinco millóns de euros contemplados no plan, algo máis de 2.000.000 de euros están destinados á contratación de persoas desempregadas, 1.350.000 euros a axudas directas ás empresas; case 830.000 euros a dinamización económica, máis de 500.000 euros á dinamización comercial, e outros 300.000 á mellora do mercado laboral.

Bloque 1. Medidas fiscais

O bloque 1, de medidas fiscais, conta cunha previsión económica inicial de 435.000 euros. Contempla as seguintes medidas:

- En relación co imposto de bens inmobles, habilítase un novo prazo para poder acollerse ao sistema especial de pago ata o 31 de maio do 2020. Isto permitirá poder pagar o tributo en tres prazos (5 de xullo, 5 de setembro e 5 de novembro), sen xuros.

- En relación coa taxa do lixo para actividades afectadas pola declaración do estado de alarma, contempla non aplicar a cota variable do tributo durante o período de tempo no que deban de permanecer pechadas. Conta cunha previsión de gasto inicial de 80.000 euros.

- En relación coa taxa por ocupación do dominio público por mesas e cadeiras, contempla que se minore o importe do recibo durante o tempo que non se puido ocupar o domino público como consecuencia do estado de alarma. Conta cunha previsión de gasto inicial de 55.000 euros.

- Gratuidade do estacionamento en zonas de ORA (exceptuando a contorna da praza de Abastos), durante a vixencia do estado de alarma. Conta cunha previsión de gasto inicial de 300.000 euros.

Bloque 2. Comercio local

O bloque 2, de apoio ao comercio local, conta cunha previsión económica inicial de 1.140.000 euros, e contempla seis medidas:

- Campaña de comunicación de apoio ao comercio local: #EuMercoAquí, "Desta saímos xuntos, o comercio local é vital", cunha previsión de gasto inicial de 60.000 euros.

- Campaña "Parking gratuíto. Ven de compras a Santiago", co obxectivo de gañar en competitividade e atraer á clientela ao centro da cidade. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.

- Programa de dinamización comercial "Festa da primavera". Co obxectivo de dinamizar os sectores comercial e hostaleiro, desenvolverase un amplo programa festivo (concertos, animación de rúa, etc…). Conta cunha previsión de gasto inicial de 200.000 euros.

- Convocatoria de axudas aos xuros das operacións de crédito concertadas polo sector comercial para a obtención de liquidez, complementarias aos créditos ICO e aos créditos do IGAPE. A contía da subvención será o 75% do aboado en concepto de xuros co límite de 1.000 euros por persoa beneficiaria. Conta cunha previsión de gasto inicial de 105.000 euros, que poden ser ampliables ata 305.000 euros.

- Convocatoria de axudas para a mellora e innovación da empresa local "Coidar para mellorar, mellorar para coidar", dirixidas a achegar recursos ao comercio local para a adecuación física dos locais, TICs e outras innovacións (para apostar pola venda on-line), e para a realización de campañas de comunicación en lingua galega. Conta cunha previsión de gasto inicial de 310.000 euros.

- Convocatoria de axudas dirixidas ás asociacións de comerciantes para actividades de promoción e dinamización comercial, cunha previsión de gasto de 60.000 euros.

Solicitudes
As convocatorias das axudas para o pago de xuros en operacións de crédito, para a mellora e innovación do comercio local e para cheques de consultoría xa están abertas. O prazo de presentación de solicitudes para estas tres convocatorias é do 11 de maio ao 8 de xuño. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4), ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas que estean habilitados.

Resolución de dúbidas
Está habiitado na web do programa Coidar para mellorar un formulario de consulta para resolver calquera dúbida sobre estas convocatorias. Tamén estará dispoñible unha liña de atención telefónica en horario de 9:00 a 16:00 horas.

Bloque 3. Promoción do emprego

O bloque 3, de promoción do emprego, conta cunha previsión económica inicial de 2.633.439,69 euros, e contempla sete medidas:

- Convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea. Ten por finalidade facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas da cidade, coa subvención ás empresas que realicen contratos de traballo dunha duración mínima de 4 meses a tempo completo, por un importe de 2.000 euros por traballador/a. Conta cunha previsión de gasto inicial de 300.000 euros.

- Creación dun "Programa de cualificación profesional", con accións formativas destinadas a 2.500 persoas. Incluirá unha oferta de máis de 5.700 horas distribuídas en máis de 100 itinerarios formativos nos sectores e especialidades con maiores oportunidades de emprego a través de formatos on-line e presencial. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.

- Foro "Talentia Summit 2020". Cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros, vaise reforzar a celebración do encontro Talentia, involucrando directamente ao tecido produtivo e económico da cidade, na presentación de alternativas á creación e procura de emprego e á intermediación laboral. Terá como obxectivo prioritario, facilitar a xestión de 500 ofertas de emprego.

- Ampliación do programa de actividades da Axencia Local de Colocación, coa articulación de accións de información, intermediación e orientación laboral en colaboración coas entidades do Pacto polo Emprego. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.

- Programas de contratación temporal directa polo Concello de Santiago en colaboración ca Xunta de Galicia. A través dos mesmos, está prevista a contratación de 70 persoas desempregadas, a través de obradoiros de emprego, contratación directa de persoas desempregadas, vulnerables, e contratación de mulleres. Conta cunha previsión de gasto inicial de 1.448.125 euros.

- Programas de formación e inserción en colaboración coa Xunta de Galicia. contempla un programa integrado de formación e inserción profesional destinado a 100 mulleres desempregadas. Conta cunha previsión orzamentaria inicial de 230.315,25 euros,en colaboración coa Xunta de Galicia.

- Programas de contratación temporal directa polo Concello de Santiago en colaboración co Goberno Central. Trátase dun programa de contratación de 12 persoas desempregadas para a realización de obras de interese social. Conta cunha previsión de gasto inicial de 355.499,44 euros.

Bloque 4. Promoción Económica

O bloque 4, de Promoción Económica, conta cunha previsión económica inicial de 793.000 euros, e contempla seis medidas:

- "Compostela Móvese 2020. COVID19". Trátase dun servizo de apoio integral ao emprendemento e a economía social, que conta cunha previsión de gasto inicial de 203.000 euros divididos en:

I. Servizos de Asesoramento orientados á creación de proxectos cooperativos e colaborativos no eido do emprendemento. 65.000 euros.

II. Actividades de apoio á captación de investimentos e iniciativas empresariais de carácter industrial: 30.000 euros.

III. Actividades de fomento da economía social: 30.000 euros.

IV. Programa de promoción de economía circular: 15.000,00 €

V. Programa de promoción da actividade económica no rural: 30.000 euros.

VI. Patrocinio da Maker Faire Galicia: 15.000 euros

VII. II Feira de Mulleres emprendedoras de Compostela: 18.000 euros

- Creación do Comité Económico de Crise, un equipo de estudo, coordinación e co-deseño das políticas económicas a implantar polo Concello de Santiago. Conta cunha previsión de gasto inicial de 20.000 euros.

- Creación dunha liña de formación e consultoría on-line. Trátase dun servizo de asesoramento e apoio ás empresas na elaboración de 50 plans de reactivación económica. Conta cunha previsión de gasto inicial de 30.000 euros.

- Creación dunha liña de axudas aos xuros das operacións de crédito concertadas por persoas autónomas e micropemes de Santiago de Compostela (similar ao do comercio minorista), e complementarias as axudas do ICO e do IGAPE. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros, (ampliables a 300.000 euros).

A convocatoria de axudas a empresas para a reactivación económica Compostela Móvese 2020 COVID19 está aberta ata o 17 de xuño.

- Ampliación da participación do Concello en UNINOVA, para o desenvolvemento de programas de transferencia de tecnoloxía e creación de iniciativas empresariais innovadoras. Conta cunha previsión de gasto inicial de 90.000 euros.

- Reforzo dos convenios de colaboración coas distintas entidades empresariais, como a Asociación Área Empresarial do Tambre e a Cámara de Comercio de Santiago, para o desenvolvemento de accións de apoio á actividade empresarial. Conta cunha previsión de gasto inicial de 150.000 euros.

Plan de Reactivación da Actividade Turística

O Concello tamén puxo en marcha un Plan de accións especiais de promoción e apoio a desenvolver dende Turismo de Santiago diante da situación de crise provocada no sector pola pandemia do COVID-19. Este programa inclúe múltiples accións dirixidas á captación e recuperación do turismo na cidade:

- Campaña Ultreia. Elaboración dunha campaña de comunicación baixo o lema "Ultreia", un termo diferencial de Santiago de Compostela como destino do Camiño de Santiago, que posiciona claramente a cidade .

- Novo Plan de Promoción. Activarase unha vez comecen a levantarse as medidas de restrición de movementos e terá dúas partes con dous obxectivos complementarios: accións a curto prazo destinadas ao mercado español de proximidade de cara a temporada de verán, se é posible, e segundo semestre do ano en xeral; e accións a medio prazo destinadas aos principais mercados internacionais de cara ao 2021 para aproveitar a oportunidade do Ano Santo.

O Plan de Promoción parte da necesidade de transmitir unha imaxe de destino seguro. Para isto é preciso que o sector se adapte as novas esixencias de distanciamento derivadas do COVID-19, como eliminación dos almorzos-buffet, favorecemento do check-in on-line, redución dos aforos, limpeza das habitacións e espazos comúns... A información de referencia é a Guía de Boas Prácticas fronte ao Coronavirus editada pola Secretaría de Estado de Turismo o 15 de abril.

- Recuperación do tráfico aéreo a través do contacto permanente e o traballo conxunto coas principais compañías que operan no aeroporto de Santiago Rosalía de Castro.

- Axenda virtual. Creouse co obxectivo de reunir os eventos virtuais que están a celebrarse en Santiago de Compostela para substituír os presenciais. Así, a páxina web de Turismo de Santiago reconverteu a súa axenda cultural habitual nunha axenda virtual, na que as persoas atopan nun só sitio: teatro, narración, cine, exposicións e aulas de xogo para "asistir" dende a súa casa. Así mantense un fluxo de visitantes continuo na web, mantendo o seu posicionamento nos buscadores.

- Audioguías en aberto. O día 15 de abril abríronse as audioguías de Turismo de Santiago dispoñibles na páxina web, para percorrer virtualmente a cidade dende a casa. As audioguías de Turismo de Santiago suman máis de catro horas de narración arredor dos principais puntos turísticos da cidade, que ademais se sinalan nun mapa de Santiago.

O Plan inclúe tamén diferentes accións destinadas ao sector, partindo dunha relación fluída co mesmo, co que se mantiveron nas ultimas semanas diversas reunións telemáticas. O obxectivo destas accións é contribuír ao seu sostemento e recuperación, na idea de traballar conxuntamente na recuperación turística da cidade. As principais accións dentro desta liña de traballo son:

- Creación dun Foro Profesional. Creouse un foro de intercambio de ideas cos sectores profesionais da cidade directamente implicados no eido do turismo, para coñecer a súa opinión e as súas necesidades máis inmediatas, e co fin de recoller as súas propostas de medidas a curto e medio prazo. A primeira reunión do Foro tivo lugar o 22 de abril.

- Reactivación do Foro MICE. Reactivouse o Foro MICE, específico para o sector congresual, tendo en conta as súas especificidades concretas e asumindo que será un dos últimos sectores en recuperarse polo levantamento das restricións a reunións dun número elevado de persoas. A primeira reunión tivo lugar o día 20 de abril. A partires das propostas formuladas no Foro MICE, deseñaranse accións para o Fomento da Seguridade nos eventos e accións Formativas en seguridade e novas tecnoloxías.

- Plan de Captación e apoio a congresos e xornadas. Co obxectivo de relanzar o sector MICE, dende Turismo de Santiago farase un Plan de Captación de Congresos e Xornadas, multiplicando a relación cos promotores locais, especialmente coa Universidade e co sector sanitario (facultades de Medicina e Enfermería, Hospital, Colexio médico, etc).

- Reforzo de accións sectoriais específicas xa existentes. Dende Turismo de Santiago, e de acordo coa Asociación representativa do sector, incrementarase o apoio a accións xa consolidadas, como Santiago(é)tapas, para conseguir unha maior proxección exterior, unha maior presenza na cidade e contribúa a recuperación do sector da restauración.

- Posta en marcha de accións novas, en colaboración coas asociacións sectoriais. Como consecuencia das propostas resultantes do diálogo coas asociacións, promoveranse e apoiaranse, cara a desenvolverse no segundo semestre do ano, novas accións que contribúan á recuperación económica dos sectores da hostalería e da restauración.

- Plan de Choque de Cidades Patrimonio. Turismo de Santiago participará no Plan de Choque con accións conxuntas que se está definindo no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. As principais medidas que se contemplan son campañas dirixidas ao mercado español e medidas para acelerar a comercialización de paquetes turísticos exclusivos para o mercado interior, con novos incentivos.

- Apoio á medidas de seguridade hixiénico sanitaria e da acreditación dos estabelecementos de turismo. Co obxectivo de promover unha imaxe de cidade segura, apoiarase a adopción de criterios, medidas e mecanismos de garantía da seguridade hixiénico sanitaria que contribúan a xerar confianza. Esas medidas estableceranse en coordinación coas diferentes administracións e cos diferentes departamentos municipais.

- Bonificacións tributarias, apoio financeiro, e programas de formación para inserción laboral. As empresas do sector de restauración e hostalería beneficiaranse das bonificacións previstas con carácter xeral respecto das taxas de lixo e de ocupación de vía pública por terrazas establecidas nas disposicións aprobadas por acordo da Xunta de Goberno Local do 20 de abril de 2020.

- Igualmente, ás pequenas e medianas empresas do sector poderán acollerse as axudas convocadas polo Concello para abono dos xuros e gastos de créditos concedidos polo ICO ás empresas e autónomos con ocasión da situación do Estado de alarma, aprobadas por acordo de Xunta de Goberno Local do 20 de abril de 2020.

- Tamén os traballadores dos sectores vinculados ao Turismo poderán acollerse aos programas de formación para inserción laboral aprobados pola Xunta de Goberno Local do 20 de abril de 2020 do Concello de Santiago no marco das medidas adoptadas para facer fronte ás consecuencias da crise derivada do cese de actividade pola pandemia do COVID-19.

- Espazo de información centralizado de axudas ao sector. Turismo de Santiago habilitou na súa páxina web un espazo de información de interese para o sector turístico da cidade, recollendo toda a información posible sobre axudas das diferentes administracións, así como posibilidades de teleformación.

Bloque 5. Cultura

Habilítanse dúas convocatoriad de subvencións para o fomento das actividades culturais durante o ano 2020: unha destinada a asociacións culturais e outra ao sector profesional. O prazo de solicitudes será dun mes, contado dende o día seguinte á publicación das respectiva convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Asociacións culturais
En canto ás axudas destinadas a asociacións culturais, van dirixidas á promoción de procesos e actividades culturais e artísticas de amplo espectro orientadas a todo tipo de públicos e idades relacionadas coas música, teatro, exposicións, cine, fotografía, conferencias, performances ou, en xeral, calquera acción cultural ou artística. Destínase a esta convocatoria un importe global de 50.000 euros. A contía máxima da subvención por cada solicitante será de 5.000 euros e permitirá cubrir ata o 80% do gasto comprometido.

Para acceder a estas subvencións, as actividades culturais deben executarse en Santiago de Compostela, entre o 1 de xaneiro e o 18 de outubro de 2020, e ser abertas ao público. Non serán subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos.

Estas axudas servirán para afrontar tanto custos de persoal como materiais, inclúidos gastos de aloxamento, desprazamento e manutención, cos límites que marca a convocatoria.

Sector profesional
A segunda das convocatorias ten por obxecto o fomento das actividades culturais organizadas por persoas e entidades dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas do concello de Santiago de Compostela durante o ano 2020. Neste caso, destínase un importe global de 100.000 euros a unhas axudas que poden alcanzar ata un 80% do gasto, cunha contía máxima de 15.000 euros por solicitante.

As actividades culturais subvencionables deben igualmente terse executado en Santiago entre o 1 de xaneiro e o 18 de outubro, e ser abertas ao público. Do mesmo xeito, quedan excluídas as actividades gastronómicas e os cursos formativos.

En ambas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña. O prazo de xustificación das actividades subvencionadas será do 1 ao 30 de outubro de 2020.

Compartir: