TURISMO

Turismo de Santiago lanza o vídeo "Ultreia" para animar a quedar na casa durante a crise sanitaria

06/04/2020 Turismo de Santiago acaba de lanzar un vídeo na súa páxina web e nas súas redes sociais co que pretende animar os/as cidadáns/ás a quedarse na casa durante o período de restrición de movementos motivado pola situación sanitaria do Covid-19.

O vídeo xira arredor de "Ultreia". Dende a Idade Media, a voz "Ultreia" representou para as persoas que peregrinaban o desexo de camiñar con valentía cara a unha meta común, Santiago de Compostela. "Ultreia" é o saúdo centenario de quen quere perseverar, ir máis aló, seguir adiante.

Nestes momentos difíciles nos que é preciso deterse e quedar na casa, é tempo tamén de agardar coa mesma paciencia e enerxía coa que os peregrinos percorreron o Camiño durante séculos, animándose con "Ultreia".

No vídeo, o Camiño de Santiago quere ser unha metáfora do duro percorrido persoal que miles de millóns de persoas están vivindo nestes momentos. Neste caso, o esforzo non é camiñar, senón quedar na casa, con esa mesma forza que se expresa no "Ultreia" co que se saúdan os peregrinos no Camiño de Santiago, sen importar a súa idade, sexo, relixión, cultura, ou lugar de procedencia.

O obxectivo final deste esforzo persoal, desta viaxe interior e inmóbil nos fogares de cada persoa, é que xuntos podamos superar estes momentos complexos é que nun futuro próximo poidamos reunirnos no Camiño de Santiago e no seu destino final, Santiago de Compostela, unha cidade viva e acolledora, que sabe valorar os esforzos persoais de cada quen.

O vídeo elaborouse a partires de material audiovisual preexistente, especialmente a partires dun vídeo feito en colaboración co Grupo de Ciudades Patrimonio de España. Optouse por esta opción e non por gravar novas imaxes no momento actual para colaborar tamén na redución de movementos de persoas nas rúas de Santiago nestes días nos que é preciso quedar na casa.

O vídeo conta con dúas versións, unha curta adaptada para a canle de Instagram, e outra máis longa para a páxina web de Turismo de Santiago, e para a canle de YouTube da entidade municipal. Ademais, estas dúas versións están dispoñibles en galego, castelán e inglés.

O vídeo pode verse aquí.

Direcciones relacionadas



Compartir: