XUNTA DE GOBERNO

O alcalde agarda que se flexibilice a regra de uso do superávit para destinalo tamén á creación de emprego e á recuperación da actividade económica

02/04/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, aproveitou a súa rolda de prensa para dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno Local extraordinaria desta mañá para expresar o seu desexo de que o Goberno do Estado flexibilice a regra de utilización do superávit para que este poida ser destinado tamén á creación de emprego e á rexeneración da actividade económica.

Sánchez Bugallo apuntou esta posibilidade a propósito do plan para o pequeno comercio, emprendedores e autónomos que prepara o Goberno municipal e que "queremos empezar a implementar á volta de Semana Santa", contando coa previsión de que "antes de maio non se levante o estado de alarma". "Para ter os programas que necesitamos, precisariamos dúas cousas: dispor da liquidación do orzamento do ano pasado, que agardamos ter a semana que vén, e que o Goberno de España, ao igual que fixo co gasto social, permita tamén destinar superávit á creación de emprego e á recuperación da actividade económica".

En calquera caso, apuntou que a posta en marcha deste programa será posible coa aprobación definitiva dos orzamentos municipais para 2020, que entrarán en vigor en canto se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP), o cal, en palabras do alcalde, sucederá "presumiblemente, mañá venres ou o martes da semana que vén".

Tamén ao fío dos orzamentos, a preguntas dos xornalistas sobre posibles bonificacións en taxas ou impostos, o alcalde indicou que "estamos estudando compensacións de servizos que non se puido facer uso deles". Apuntou que "o IBI xa está devengado" e pediu "coherencia", xa que "se hai menos ingresos, hai menos capacidade de outorgar axudas; e non é posible hoxe legalmente aprobar un orzamento con déficit ou con recurso ao endebedamento". Neste sentido, lembrou o custo extraordinario que para as arcas municipais están tendo as medidas adoptadas a raíz da crise sanitaria, que situou entre os 60.000 e os 80.000 euros semanais.

Recepción de material
Entre os asuntos tratados na Xunta de Goberno extraordinario, o rexedor destacou a recepción da carta do vicepresidente da Xunta na que se indica que o Concello recibirá hoxe do Goberno autonómico diverso material de protección: 6.000 pares de luvas de nitrilo, 98 traxes antisalpicadura, 6.000 máscaras cirúrxicas e 196 máscaras FFP2. Para Sánchez Bugallo, "con este material poderemos considerar que situación dos diferentes servizos do Concello pasaría a ser bastante razoable".

Hospital de campaña no Multiúsos de Sar
Tamén se acusou recibo da petición da xerente da Área Sanitaria de Compostela para dispoñer do Multiúsos Fontes do Sar como posible hospital de campaña. Déuselle traslado desta demanda ao Consello de Administración de Xade. O Goberno autonómico tamén ten expresado a vontade de contar co Centro Sociocultural do Ensanche como banco de sangue, pero a petición aínda non foi tramitada formalmente, indicou o alcalde.

A propósito deste posible hospital de campaña, Sánchez Bugallo subliñou que "antes de ir a hospitais de campaña, o razoable é esgotar a capacidade sanitaria dos centros públicos e privados".

Tamén sobre a área sanitaria e a pregunta dun xornalista, indicou que non se teñen derivado falecidos doutras cidades para a súa incineración no crematorio de Boisaca. "En Santiago non temos unha marxe moi grande porque na área sanitaria de Santiago, que cubre a metade da Coruña e o norte da de Pontevedra, hai un único crematorio, polo que non temos moita capacidade".

Transporte público
Na sesión extraordinaria desta mañá tamén se recibiu unha comunicación de Tralusa sobre a reorganización do servizo de transporte urbano. Solicitóuselle á empresa que faga unha proposta alternativa á actual, que está baseada en "apostar por determinadas liñas e horarios a primeira e última hora da mañá, que son as horas de maior demanda.

"O problema fundamental –explicou o alcalde- é que incluso cunha redución ao 32 por cento, o servizo de transporte prestado segue sendo unha barbaridade, porque a demanda é un 95 ou 96 por cento menor en relación a hai un mes. Hai unha sobreoferta, e o mesmo está sucedendo co servizo de taxi.

Identificacións e sancións
Sánchez Bugallo aproveitou tamén a rolda de prensa para ofrecer algúns datos, como as 13 identificacións realizadas pola Policía Local na xornada de onte. Destas, 7 derivaron en propostas de sanción. Tamén se controlaron 145 vehículos. Os datos totais a día de hoxe deixan un balance de 161 identificacións, 101 propostas de sanción e 2.645 vehículos controlados.

Ademais, destacou que, das 537 familias beneficiarias do tícket especial de compra, 509 xa retiraran os seus bonos a día de onte.

Validacións, suspensións e ordes de continuidade
Na Xunta de Goberno tamén se validaron varios dos contratos adxudicados por emerxencia, como o do servizo de vixilancia da UMAD, o seguro de accidentes para as persoas aloxadas no Seminario Menor, o servizo de limpeza e desinfección da Cociña Económica, o servizo de bonotaxi para persoas vulnerables con dificultades para o desprazamento e o subministro de luvas e gafas de protección.

Do mesmo xeito, déuselle orde de continuidade a algúns contratos pendentes: conservación e mantemento dos parques de Brandía e Salgueiriños, mantemento de ascensores en centros socioculturais e servizo de reparación e pquenas reformas.

Finalmente, suspendéronse dous contratos, coas empresas encargadas da xestión catastral e da xestión de multas de tráfico.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: