EDUCACIÓN

Prorrogado o prazo de envío de obras para o XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

31/03/2020 O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora, que convocan o XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, comunican que, ante a pandemia mundial de COVID-19, prorrogáse o prazo de envío de obras que finalizaba, inicialmente, o 30 de abril de 2020. A data definitiva comunicarase o propio 30 de abril, a través das respectivas páxinas web do Concello de Santiago de Compostela e de Kalandraka Editora, así como das súas correspondentes canles nas redes sociais. A organización anima a autores/as e ilustradores/as a seguir coa elaboración das súas propostas creativas seguindo as pautas establecidas nas bases de participación.

Ao XIII Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués— en novembro de 2020. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil.

Direcciones relacionadas



Compartir: