CONSORCIO

A exposición "Intramuros" pecha as súas portas tras recibir 130.000 visitantes

27/02/2007 Dende a súa inauguración en xullo de 2006, 129.290 persoas puideron descubrir a cidade máis oculta na mostra "Intramuros", que o Consorcio de Santiago organizou na antiga sé do Banco de España co gallo do 15 aniversario do Real Padroado.

Intramuros permitiu adentrarse no interior dos conventos de clausura de Santiago a través da recreación de ambientes e dunha coidada selección de arte sacro pertencente a diversos conventos e igrexas de Santiago. Esta mostra completouse cun libro de luxo no que se recollen 75 fotografías dos conventos de Santa Clara, San Paio, Belvís e Conxo, realizadas por Domi Mora, e textos de Xosé Manuel Villanueva e Luisa Castro.

A orixinalidade da mostra xirou en torno ao seu deseño, que presentaba os espazos fundamentais que estruturan a organización da vida nos conventos de clausura: o torno, a igrexa, o coro, o refectorio, a cela, o xardín e máis a horta na que traballan e descansan as relixiosas.

Fundamentalmente están representados os conventos de San Paio, Santa Clara e Belvís, tres comunidades de clausura que amosaron desde un primeiro momento todo o seu apoio para que esta mostra non só sexa unha realidade, senón para que se converta nun fito histórico dentro do conxunto das exposicións celebradas ata agora en Compostela. Complementariamente aparecen tamén o Mosteiro de Conxo e o retablo de San Roque, coma homenaxe especial ao mestre do barroco Simón Rodríguez, do que queda reflectida a súa mestría arquitectónica neste singular conxunto.

Éxito rotundo

Os 130.000 visitantes que pasaron pola mostra nestes oito meses avalan o éxito de "Intramuros", un proxecto que se viu reforzado pola organización paralela de visitas guiadas polos conventos de clausura da cidade. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Domus Dei de posta en valor do patrimonio relixioso da cidade, ten un carácter permanente e está apoiada polo Consorcio. O seu deseño provén de Turismo de Santiago co obxectivo de completar a oferta turística de Compostela.

Os organizadores do Consorcio consideran que "Intramuros" tivo un eco importante, non soamente entre o público galego senón tamén nacional e internacional, debido sobre todo aos numerosos visitantes que, como peregrinos ou turistas, visitaron a cidade nestes últimos meses. Así o amosaron as testemuñas enviadas por correo electrónico, agradecendo ao Consorcio o acerto de concibir e organizar unha mostra configurada de maneira tan característica.

Por outro lado, cómpre destacar que a exposición contou cun novidoso horario, xa que se puido visitar de forma ininterrompida desde as dez da maña ata as doce da noite, o que a converteu nunha mostra única.

Pezas singulares

Na mostra puidéronse admirar pezas de arte ata o momento descoñecidas polo público. Entre elas destaca o colar da abadesa, de grandes proporcións e feito enteiramente en acibeche. Data do século XVII e pertencía á madre abadesa de San Paio de Antealtares. Outras obras que tamén son obxecto de curiosidade son o Cristo de Manuel de Prado, de madeira policromada (ano 1800); as pezas anónimas de Santa Escolástica (1º terzo s. XVIII) e Santa Xertrude (1ª metade s. XVII); e as tallas dos Cristos Nenos meditando sobre a morte e o pecado (anónimos de mediados do XVII), pertencentes á Parroquia de San Miguel dos Agros. En suma, unha mostra que conxuga a visión de distintas manifestacións artísticas, desde a propia imaxinería ata os medios audiovisuais utilizados, por exemplo, para recrear a vida conventual ou escoitar á propia abadesa do convento de San Paio.

Visitas guiadas

O Consorcio de Santiago, en colaboración co Concello a través da Concellería de Educación, desenvolveu no mes de Nadal un programa de visitas guiadas para escolares e adultos en "Intramuros". Este programa de visitas gratuítas ofreceu a posibilidade de contemplar a exposición na compaña dun guía que amosou aos visitantes os aspectos artísticos e conceptuais da vida conventual desde un punto de vista didáctico e ilustrativo. Unhas visitas dirixidas fundamentalmente para grupos de escolares a través dos colexios de educación primaria e secundaria obrigatoria, así como para grupos familiares, dentro do programa de Nadalxogo.

Compartir: