ALCALDÍA

A Xunta de Goberno acorda novas medidas para a prevención do Coronavirus

14/03/2020 Reunida en sesión extraordinaria, a Xunta de Goberno tomou as seguintes medidas: actívase o Plan de Emerxencia Municipal (PEMU), axústanse as restricións no tanatorio establecendo o límite de persoas en cada sala a 10 e a un total de 25 na capela, limítase o aforo dos autobuses urbanos a 30 persoas e elimínase a obrigatoriedade de rotación na ORA.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá unha nova Xunta de Goberno extraordinaria na que se abordaron as novas medidas a tomar para previr o contaxio por COVID-19.

En primeiro lugar, e unha vez activado o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia por parte da Xunta (PLATERGA), activouse automaticamente o Plan de Emerxencia Municipal (PEMU). Este Plan prevé a constitución dun Centro de Coordinación Operativo, que depende xerarquicamente do Centro de Coordinación Operativo da Xunta, que estaría formado polo alcalde como presidente; a concelleira Mercedes Rosón como vicepresidenta; o edil de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; a responsable de Sanidade, Mila Castro; a concelleira de Facenda e Persoal, Marta Abal; así como polos xefes da Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e un responsable de comunicación. Este órgano, que se reunirá nas dependencias da Policía Local, comezará a ser operativo a partir de mañá domingo.

Así mesmo, axustáronse algunhas das decisións tomadas na Xunta de Goberno extraordinaria de onte, entre elas a relativa ao control do aforo no tanatorio. O límite total quedou establecido en 50 persoas, pero na mañá de hoxe acordouse limitar o número de asistentes por sala a 10 e establecer o aforo máximo da capela en 25 persoas.

En canto ao transporte urbano, fixouse un tope máximo de 30 persoas por autobús, no canto das 90 que poderían empregalo, e requirirase aos condutores que empreguen guantes. Por último, suspéndense temporalmente a obriga de rotación dos vehículos estacionados na ORA.

Compartir: