ALCALDIA

Sánchez Bugallo pide comprensión e colaboración á cidadanía ante os acordos adoptados polo Concello para frear a expansión do COVID-19

13/03/2020 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, espera contar coa "comprensión e plena colaboración da poboación", ante os acordos adoptados con carácter urxente nas dúas últimas Xuntas de Goberno Locais extraordinarias, e que teñen como obxectivo loitar contra a expansión da enfermidade do COVID-19 e velar pola protección da saúde da veciñanza. Uns acordos que se adoptaron, segundo explicou o rexedor, en coordinación coas medidas acordadas pola Xunta de Galicia, e publicadas no DOG onte á tarde; e coas tomadas polo Goberno central e publicadas hoxe no BOE. Na rolda de prensa dos venres, Sánchez Bugallo recoñeceu e agradeceu públicamente o apoio prestado por todos os grupos municipais ante a situación excepcional que se está vivindo.

Na Xunta de Goberno local de hoxe adoptáronse nove acordos, que enumerou o alcalde. Entre estas medidas figuran habilitar á Alcaldía con carácter xeral para a aprobación dos gastos precisos para a adopción das medidas de emerxencia que resulten necesarias para facer fronte á crise, independentemente de que se dispoña orzamentariamente da oportuna habilitación. Explicou o alcalde que se "faculta á Alcaldía para facer contratos, encargar servizos, suministros, etc. Lóxicamente, isto daría lugar a unha modificación presupostaria posterior que se levaría a pleno, pero non se paralizaría nin se posporían actuacións" relacionadas coas medidas de prevención do COVID-19.

Tamén se aprobou o "Protocolo de actuación do persoal municipal fronte ao COVID-19", e encomendóuselle á concelleira delegada de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, a elaboración de senllas propostas sobre a incidencia nos contratos adxudicados polo Concello das medidas adoptadas para limitar a expansión do COVID- 19; e a coordinación dos protocolos definidos polos servizos administrativos con atención ao público para reforzar a atención telefónica e por medios telemáticos, promovendo a atención previa cita e habilitando progresivamente os recursos materiais necesarios, a fin de evitar a concentración de persoas.

En canto á concelleira delegada de Políticas Sociais e Saúde, e de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Mila Castro, encargóuselle, segundo explico o alcalde, a elaboración dunha proposta destinada a garantir o apoio aos colectivos de persoas especialmente sensibles ou de risco, sinaladamente os maiores e a poboación infantil. Entre eles, o rexedor citou "aqueles menores que teñen bolsa de comedor escolar e que ao pechar os colexios no poderían comer no comedor, e non teñan garantido ese servizo na súa propia familia, buscaráse un procedemento para levarlle a comida á casa".

Tamén se ordena ás empresas contratistas de servizos de limpeza que nas instalacións municipais (edificios de servizos administrativos, instalacións deportivas e culturais) que, "reforcen os protocolos de hixienización" e desinfección aprobados polos órganos competentes en materia de saúde pública, con fin de garantir, segundo explicou o rexedor, "as mellores condicións de saúde para a todas persoas que teñen que traballar ou que teñan que acudir aos servizos municipais".

En relación coa prestación do servizo público urbano colectivo de viaxeiros recóllense, explicou Sánchez Bugallo, as recomendacións da Xunta de Galicia: desaconsellar o uso do transporte público urbano aos seguintes grupos de poboación: a persoas maiores, e persoas especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias, a persoas que presenten síntomas respiratorios ou que crean que teñen probabilidade de infección; e a mulleres embarazadas.

En canto á empresa concesionaria do servizo de transporte público "e ás empresas que teñen concertos co concello, requíreselle, segundo explicou o alcalde, "a adopción de todas as medidas de limpeza, hixiene e desinfección" de vehículos tanta veces como sexa posible ao longo da xornada, "para garantir o mellor nivel de calidade e seguridade". En relación ao tanatorio municipal, Sánchez Bugallo indicou que se estableceu un límite máximo de 50 persoas "entre as sete salas e incluído o persoal do centro", aparte de instalar dispensadores de xeles hidroalcólicos invitando aos usuarios a que os empreguen ao acceder e saír do recinto.

As dúas últimas medidas adoptadas na Xunta de Goberno local de hoxe foron a suspensión do mercado de Salgueiriños, e a suspensión do recinto Feiral de Amio e do Mercado de Gando. A Praza de Abastos continuará aberta, sinalou Sánchez Bugallo, "xa que é un elemento fundamental para garantir o abastecemento alimenticio da poboación" igual que os supermercados. Outra cuestión sería, dixo, "que nun momento determinado puidésemos plantexar un peche das actividades que non sexan xustamente de alimentación, pero de momento non". Neste sentido, o alcalde reiterou que está garantido o subministro de alimentos. "Eu terei unha reunión coas cadeas alimenticias o vindeiro luns, para falar dos problemas que teñan. Vanse facilitar e priorizar todas as necesidades de reparto de produtos de primeira necesidade". E tamén, engadiu, "queremos garantir con eles o reparto domiciliario dos casos de primeira necesidade, por exemplo, persoas maiores que vivan soas ou persoas que por enfermidade ou discapacidade teñan dificultades. Buscaremos a maneira de habilitar sistemas para que non haxa risco de desabastecemento".

Todas estas medidas, indicou o alcalde, asi como as adoptadas onte terán unha duración ata o 27 de marzo de 2020, "sen prexuízo de que ao longo deste proceso, se poidan implementar novas medidas, se poidan correxir as que se adoptaron, e no seu caso se poidan prorrogar". Todas elas publicaranse no BOP e mañá, segundo explicou Sánchez Bugallo farase público un bando da alcaldía no que se recollerán todos estes acordos.

En todo caso, indicou o rexedor, "a evolución dos acontecementos sen dúbida vai requirir a adopción de medidas adicionais no ámbito das competencias muncipais complementarias das que acorden as Administracións Públicas compententes na materia de sanidade".

O alcalde tamén anunciou que a Xunta de Portavoces se reunirá con carácter xeral, pero que durante este periodo non se vai reunir o pleno nin as comisións ordinarias do concello. "Polo tanto abrirase unha liña de colaboración a través da Xunta de Portavoces que previsiblemente, se vaia reunir varias veces á semana. E "por suposto", engadiu, "o goberno local estará á disposición dos grupos municipais para facilitarlle toda a información de xeito detallado, para recoller as súas aportacións e para compartir con eles todas as decisións" que se tomen.

Sobre as persoas doutras comunidades que están vindo a Galicia, o alclade sinalou que existe un problema, e envioulles unha mensaxe "eu agradecería á xente que está vindo de zonas onde hai un nivel de incidencia do coronavirus superior á media, que quedara algún tempo na casa, para ver se desenvolven algún síntoma. Sería moi positivo desde o punto de vista de saúde pública. De feito os dous primeiros casos diagnosticados en Santiago viñan de Madrid, casualmente".

Sobre a incidencia do coronavirus en Santiago, o rexedor recoñeceu "que aínda é moderada, pero debemos estar preparados", porque a curva non chegou arriba. Recoñece que os datos, dentro de dúas semanas, poden ser superiores aos rexistrados agora. En canto ao peche de terrazas, bares ou restaurantes, reiterou que as actuacións deben ser coordinadas coa administración autonómica e coa administración xeral do Estado. "Nós non imos quedar atrás nas medidas que tomen ambas admninistracións, pero tampouco nos parece prudente nin oportuno ir máis aló. Pensamos que iso crearía máis alarma social e transmitiría unha imaxe de descoordinación".

O alcalde tamén sinalou que non se ía rescindir contrato algún dos asinados polo Concello, que é un asunto que "están estudando os servizos xurídicos e económicos, e que se terán en conta os distintos casos. Para Sánchez Bugallo, "ten que ser o Estado o que regule este tema, xa que é un asunto que vai afectar a toda España".

Polo de agora a intención do goberno local é "preservar o servizo público e que o persoal do Concello siga traballando". O alcalde recorda que de momento non se pechan os Centros Socioculturais, pero si se suspenden todas as actividades, xa que "conservación, mantemento, programación, pódese seguir facendo". "Priorizamos os servizos esenciais", os que non se poden suspender, como rexistro ou padrón de habitantes, ou servizos sociais, aínda que, engadiu "trataremos de priorizar en todos casos a atención telefónica e telemática".

Compartir: