SAÚDE

INFORMACIÓN RELATIVA Á ENFERMIDADE POLO NOVO CORONAVIRUS (COVID-19)

11/03/2020 Informacións, avisos e recomendacións do Concello de Santiago relativas á enfermidade polo novo coronavirus, COVID-19:

010

O Concello habilita o teléfono de asistencia social á veciñanza 010 para a atención a persoas en situación de vulnerabilidade:
• Persoas maiores que vivan soas ou con outra persoa tamén de idade avanzada.
• Persoas en situación de dependencia, que vivan soas ou que o seu coidador principal non poida exercer adecuadamente o seu rol por atoparse baixo os efectos da enfermidade.
• Persoas con problemas de saúde crónica e/ou persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
• Ausencia de apoio familiar e/ou social.
• Inadecuada rede de apoio familiar e/ou social
• En situación de fraxilidade por dispoñer de factores de risco sanitario.

Horario de funcionamento do 010: de 8.00 h a 20.00 h
Fóra de ese horario:
• Protección Civil: 981 54 31 05
• Policía Local: 981 54 23 23

TÍCKET ESPECIAL DE COMPRA

* Calquera persoa que se atope en situación de vulnerabilidade e que non poida adquirir alimentos e/ou produtos básicos pode solicitar axuda aos servizos sociais municipais a través do teléfono 010.

* O Concello facilitaralles un TÍCKET ESPECIAL DE COMPRA, que poderán empregar para obter comida e outros artículos de primeira necesidade nos seguintes establecementos:

El Corte Inglés – Hipercor
Eroski Center Choupana
Familia República Arxentina
Aquié
Froiz Frei Rosendo Salvado
Froiz praza do Toural
Supermercado Marisol (rúa Ordes, 1. Pontepedriña)
A Horta da Avoa (Travesa Carme de Abaixo, 1)
Carrefour As Cancelas
Frutas Sita (Quiroga Palacios, 57)
Gadis Os Concheiros
Gadis Vista Alegre
Gadis Meixonfrío
Gadis Montero Ríos
Gadis Fernando III
Gadis Doutor Teixeiro
Gadis Rúa Nova Abaixo
Alimentacion Obdulia. Super Melia (Quiroga Palacios, 69)
Alcampo
Supermercado Taygon (Avenida de Castelao, 24. Vite)
Día Polígono Costa Vella
Día Vidán
Día Concheiros
24 H De Noche (Fernando III, 13)

* AQUELES SUPERMERCADOS E TENDAS DE BARRIO, así como as demais cadeas alimenticias, QUE QUEIRAN COLABORAR DEBERÁN POÑELO EN COÑECEMENTO DO CONCELLO A TRAVÉS DO DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS (no teléfono 981 54 24 65, en horario de 9.00 h a 14.00 h de luns a venres, ou no correo electrónico ssociais@santiagodecompostela.gal).

DEPÓSITO DO LIXO E XESTIÓN DE RESIDUOS

O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Medio Ambiente; Urbaser, empresa concesionaria da recollida do lixo; e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), destino final dos residuos, comunican á cidadanía que, durante o período de confinamento domiciliario pola pandemia do coronavirus, deben extremarse os coidados á hora de depositar os residuos domésticos que se xeran.

Por un lado, segundo a Orde Ministerial publicada no BOE nº 79 do pasado 22 de marzo, os Equipos de Protección Individual (EPI's) dun domicilio onde viva unha persoa infectada deben depositarse no colector verde de "resto", seguindo as seguintes indicacións: bolsa 1, na que se depositan os EPI's do enfermo contaxiado; bolsa 2, na que se depositan os EPI's do coidador e a bolsa 1 ben pechada; bolsa 3, na que se depositan todos os residuos do domicilio e a bolsa 2 ben pechada. A bolsa 3, ben pechada, debe depositarse no interior do colector verde de "resto", nunca en colectores de reciclaxe como cartón, envases lixeiros ou vidro. Como medida de seguridade, adoptouse a decisión de deixar os colectores de carga traseira coa tapa aberta.

Prégase aos/ás cidadáns/ás non deixar nunca bolsas fóra dos colectores e respectar o horario de depósito, a partir de las 21:00 horas (domingo a venres).

Por outro lado, queda suspendida a recollida de enseres domiciliarios mentres dure o Estado de Alarma, polo que a cidadanía non deben deixar estes residuos abandonados xunto aos colectores, nin tampouco nos Puntos Limpos.

Finalmente, intensificáronse as tarefas de lavado de colectores e papeleiras, así como o rego e baldeo de rúas, conforme a esta nova situación. Solicítase a colaboración da cidadanía para axudar a manter a cidade o máis limpa e hixiénica posible.

ESTACIONAMENTO ZONA ORA

A Xunta de Goberno aprobou a gratuidade de todas as zonas ORA do termo municipal, excepto os aparcamentos situados na contorna da Praza de Abastos. En total manteranse unicamente 101 prazas de pago, 17 delas de uso compartido para carga e descarga, nas zonas de Virxe da Cerca, Travesía da Universidade, Fonte Seca, Entrepraciñas, praza da Universidade, Mazarelos e San Fiz de Solovio.

TRANSPORTE PÚBLICO

Actualización das medidas acordadas no servizo de transporte urbano para a prevención do coronavirus.

TODA A INFORMACIÓN AQUÍ

- Desaconséllase o uso do transporte público urbano aos seguintes grupos de poboación:

1) persoas especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias ou que teñan persoas destas características no seu contorno próximo;

2) persoas que presenten síntomas respiratorios ou que crean que teñen probabilidade de infección;

3) mulleres embarazadas.

- Queda limitada a presenza simultánea nos autobuses do servizo a un máximo de 30 persoas, incluído o condutor do vehículo ou persoal adscrito ao servizo.

PLAN DE EMERXENCIA MUNICIPAL

Queda actitvado o Plan de Emerxencia Municipal do Concello de Santiago de Compostela (PEMU)

PRAZOS ADMINISTRATIVOS

Durante o prazo de vixencia do estado de alarma declarado por RD 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma quedan interrompidos os prazos de todos os procedementos administrativos tramitados polo Concello de Santiago de Compostela.

Así mesmo, tamén quedan suspendidos os prazos de prescrición e caducidade de todos os procedementos administrativos.

O cómputo dos prazos reanudarase cando deixe de estar vixente o estado de alarma.

CULTURA

Quedan suspendidas todas as actividades culturais (concertos, obras de teatro etc.) previstas en locais municipais ou promovidas polo Concello ou polo organismo autónomo Auditorio de Galicia.

PARA A DEVOLUCIÓN DAS ENTRADAS:

- De ser posible cambio de data para as funcións, a / o espectador pode manter as súas localidades.

- En caso de suspensión definitiva das funcións:

• Para as entradas mercadas en compostelacultura.gal, unha vez comunicada a suspensión procederase ao reembolso de forma automática, na mesma conta da tarxeta coa que se fixo a operación.

• Para as entradas mercadas na billeteira do Teatro Principal a devolución farase na propia billeteira, unha vez finalizadas as medidas de restrición. Unha vez rematado o período de restrición comunicarase os días dispostos para a devolución.

ABONADAS/OS RFG: Unha vez rematadas as medidas de restrición, procederase a contactar con todas e todos os abonados para proceder aos reembolsos oportunos.

ACTIVIDADES REALIZADAS POR OUTROS PROMOTORES NAS INTALACIÓNS MUNICIPAIS: tamén quedan suspendidas as actividades realizadas por outros axentes nas instalacións municipais.

PARQUES E XARDÍNS

- Péchanse as illas de compostaxe, por alerta sanitaria.

- Péchanse os parques infantís.

EDUCACIÓN

- Quedan suspendidos os prazos de apertura e o procedemento de admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo, das Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2020-2021, ata novo aviso.

- Ponse en coñecemento dos centros escolares, profesorado e familias que se anula a XX Campaña Municipal de Animación á Lectura "O can de Milu", que estaba previsto celebrar entre o 24 de marzo e o 9 de maio, ata novo aviso.

- Peche, a partir do luns 16 de marzo de 2020, das escolas infantís xestionadas polo Concello (Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños).

IGUALDADE

Quedan suspendidas as actividades organizadas pola área de Igualdade.

CENTROS SOCIOCULTURAIS

Quedan suspendidas as actividades organizadas polo Concello nos centros socioculturais, na Escola Municipal de Música e nos restantes equipamentos municipais.

DEPORTES

Quedan suspendidas as actividades deportivas que se realicen nas instalacións de titularidade municipal ou promovidas polo Concello.

OUTROS

- Queda suspendida, ata en tanto non se acorde o contrario, a obriga de rotación de vehículos nas rúas incluídas no servizo de ORA.

- Queda suspendido o mercado semanal que se desenvolve nas instalacións de Salgueiriños e o Mercado Nacional de Gando de Amio.

- En relación coa prestación dos servizos públicos funerarios, limítase a asistencia ás instalacións a 50 persoas como máximo, incluído o persoal que preste servizos. Como medida adicional, establécense as seguintes:

• Limítase a un máximo de 25 a presenza simultánea de persoas na capela do tanatorio.

• Limítase a un máximo de 6 a presenza simultánea de persoas en cada salavelatorio.

- Quedan suspendidos os cursos de formación e obradoiros de emprego organizados polo departamento de Promoción Económica e Emprego.

Co obxectivo de frear o avance do COVID-19, o Concello de Santiago adopta os acordos e medidas que se poden consultar nos seguintes enlaces:

Compartir: