ACCIÓN CULTURAL

Os contos de lobos das Bífidas quentan motores para o Festival Atlántica, que se inaugura o mércores

06/03/2020 O dúo As Bífidas, formado por Lidia Luna e Cris de Caldas, será o protagonista da segunda sesión de "Quentando motores para Atlántica", un evento que serve de prólogo para a oitava edición do Festival de Narración Oral que comeza oficialmente o vindeiro mércores, 11 de marzo. Este espectáculo, dirixido ao público adulto, vaise desenvolver no local Modus Vivendi a partir das 21:00 horas e a entrada terá un custo de cinco euros.

Baixo o título de "Contos de lobas e un lobo", As Bífidas van agasallar ao público cunha escolma de historias sobre estes animais. Como elas mesmas sinalan, as lobas poden ser xenerosas e matriarcais, salvaxes e autónomas e hai incluso quen fala delas para referirse ás malas mulleres. Valentes ou solitarias, en parella ou en manda da boa, as lobas dos contos das Bífidas seguen as súas propias regras, no sentido literal e metafórico da palabra. E como sempre está ben ter algo de compañía, con todas as nosas lobas vén, tamén, un lobo.

Unha das metades das Bífidas é Lidia Luna, unha psicóloga de profesión pero coa vocación de escoitar e contar historias, dúas cousas que considera imposibles de separar. Desde 2015 está a enredar en Narrativas e outras lúas’, un proxecto persoal e profesional que xorde do desexo de construír unha ocupación coherente coa súa forma de entender o mundo.

Pola súa banda, Cris de Caldas é unha bibliotecaria namorada dos contos. Di sobre ela: "Tanto me gustaban os contos de pequena que me levaron a estudalos a través da filoloxía, pero como os botaba de menos convertinme en bibliotecaria para telos máis preto. A paixón por eles foi en aumento e houbo un día no que desexei contar os seus segredos, compartir o seu corazón a quen quixera escoitar e así é como me convertín en contadora de contos e historias".

Venda anticipada de entradas
Cómpre tamén lembrar que as entradas para a Gala Inaugural ou de Clausura do Festival Atlántica 2020 xa se poden adquirir a un prezo de 12 e 10 euros, respectivamente, na web da Abanca (entradas.abanca.com) e tamén na billeteira do Teatro Principal, de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas e o mesmo día da función.

A Gala Inaugural deste ano leva por título "Varios ventos" e vai ser o mércores 11 de marzo, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. Nesta ocasión, o programa incluirá as intervencións de Sandra Araguas (Huesca), Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil), Fernando Saldaña (Salamanca) e dos galegos Cris de Caldas, Quico Cadaval, Sole Felloza, Celso F. Sanmartín, Cándido Pazó, Charo Pita, Santi Prego e María da Pontragha. Ademais, a gala terá como fío condutor a música de Marcelo Dobode.

No que respecta á "Tres ventos", nome da Gala de Clausura desta edición, vaise celebrar o sábado 14 de marzo, tamén no Teatro Principal, a partir das 21:00 horas. Desta volta, os artistas Fernando Saldaña (Salamanca), Rubén Martínez (Venezuela), Aline Cântia e Chico do Céu (Brasil) serán os responsables de poñer o peche o encontro con historias en castelán e portugués orixinarias da terra dos protagonistas desta velada.

Compartir: