EDUCACIÓN

Unha feira comercial, charlas de especialistas e obradoiros na sexta edición da Feira de Minerais

04/03/2020 Central acolle dende mañá xoves ao domingo 8 de marzo a sexta edición da Feira de Minerais de Santiago, unha ocasión para desfrutar dunha feira comercial con máis de 30 expositores de varios puntos de Europa con minerais, xemas e fósiles de lugares tan diferentes como Galicia e Portugal, Paquistán ou Namibia. A feira complétase con talleres de bateo de ouro, de identificación de minerais, de fósiles e de xemoloxía; un expositor de libros temáticos e charlas de especialistas na materia. Consolidada xa como a maior feira de minerais de Galicia e Portugal e a terceira máis grande de España, o seu horario, durante os catro días, será de 10:00 a 21:00 horas.

A concelleira de Educación, Noa Díaz, presentou esta Feira de Minerais acompañada do seu organizador, Alejandro Rodríguez, e da adxunta á Xerencia de Área Central, Sara Castedo. Todos/as eles/as destacaron o alto valor pedagóxico e científico deste evento, xa que está prevista a visita dunha vintena de centros escolares, con preto de mil alumnos/as procedentes de diferentes puntos de Galicia, que asistirán ás charlas e participarán nos obradoiros.

No apartado das charlas, a Feira contará o día inaugural, a partir das 10:15 horas, coa titulada "Minerais en conflito", a cargo de Chema Caballero, ex misioneiro que estivo case vinte anos en Serra Leoa e actualmente colaborador no xornal El País e especialista nesta materia. Repetirá a charla ás 19:00 horas.

O segundo día da Feira, o venres 6, a charla estará a cargo do fotógrafo e xornalista Kike Gómez, baixo o titulo "Un pastel envelenado en Nixeria. A destrución do ecosistema do Delta do Níxer. Haberá dúas entregas, ás 10:15 e 19:00 horas.

De xeito complementario á Feira tamén se desenvolverán varios obradoiros: de bateo de ouro, a cargo de Santos Barrios, profesor de Xeoloxía na Universidade de Salamanca; de identificación de minerais, polo xeólogo Fran Canosa, da Escola de Minas e Enerxía de Vigo; e de fósiles e xemoloxía, impartidos polo grupo UDCiencia da Universidade da Coruña.

A Feira conta tamén con mostras de minerais procedentes do Museo de Historia Natural de Santiago e do Museo dos minerais de Porriño, cunhas mesas de intercambio de minerais e cun expositor de venda libros sobre esta temática.

Documentos relacionados



Compartir: