TURISMO

Os ingresos por habitación subiron un 11% nos hoteis de Santiago en 2019

02/03/2020 O ingreso medio por habitación dispoñible nos hoteis de Santiago medrou un 11% no 2019, segundo os datos feitos públicos por Exceltur, unha asociación sen ánimo de lucro formada polas empresas máis relevantes do sector turístico español. Con este incremento, o ingreso medio por habitación subiu nos hoteis de Santiago ata os 42,2 euros, fronte aos 37,8 euros do 2018.

O emprego turístico tamén creceu en Santiago no 2019, neste caso nun 7%, segundo os datos de Exceltur, ata chegar ás 3.936 persoas afiliadas á Seguridade Social nas ramas turísticas definidas pola Organización Mundial do Turismo –hostalería, axencias de viaxes, transporte, ocio e cultura- e na rama de comercio minorista, pola súa relevancia no gasto medio en destino dos turistas.

As cifras de crecemento de Santiago foron superiores á media dos 51 destinos urbanos que analiza Exceltur. No caso dos ingresos por habitación dispoñible, o crecemento medio foi do 7%, catro puntos menos que no caso de Santiago. E no caso do emprego turístico, foi do 4%, tres menos que en Santiago.

Os datos de Exceltur amosan que 2019 pechou cunha notable diferencia entre a evolución dos destinos urbanos, que creceron dun modo intenso, fronte aos destinos vacacionais, que tiveron un ano moito máis complexo. Os principais factores de dinamismo dos destinos urbanos foron o notable aumento da demanda estranxeira, o investimento na mellora da oferta, as melloras na conectividade aérea e o bo funcionamento do turismo de negocios.

Os datos do Barómetro de Exceltur confirman que o 2019 foi un moi bo ano para o sector turístico de Santiago. O ano pasado conseguíronse máximos nas principais variables turísticas da cidade, como pernoctacións en hoteis, pasaxeiros nos aeroporto e peregrinos no Camiño. Ademais, este crecemento foi acompañado dun incremento nos ingresos medios por habitación e dos postos de traballo xerados polo sector.

Compartir: