XUNTA DE GOBERNO

Visto bo da Xunta de Goberno Local á nova convocatoria de axudas para as festas patronais

02/03/2020 A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa sesión ordinaria deste luns, as bases da convocatoria de subvencións ás festas patronais. Tamén se deu o visto bo a dous programas de Educación, o de conciliación desta Semana Santa e o dunha nova edición da Campaña de Animación á Lectura.

Tal como explicou o alcalde, destínanse 26.800 euros á convocatoria de subvencións ás festas patronais que se celebren entre o 1 de xaneiro ao 13 de outubro deste ano 2020. O importe máximo de subvención é de 800 euros.

Os gastos subvencionables son os efectuados en instalación de inchables, festa da escuma, xogos populares, corais, charangas e grupos de música, grupos de baile, karts e banda de música. O período de solicitude é o comprendido entre a data de publicación da convocatoria no BOP e o 15 de maio.

Programa de Conciliación de Semana Santa
O Goberno local tamén deu o visto bo á memoria do Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa, que se desenvolverá os días 6, 7, 8 e 13 de abril no CEIP Monte dos Postes e no CEIP Cardeal Quiroga Palacios, de alcanzarse o número mínimo de participantes requirido. Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa de conciliación para as familias no tempo de vacacións de Semana Santa. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Poden participar nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

Os prezos van dende os 83,60 euros da modalidade completa ata os 12 euros que custa un día solto con só actividades. Hai descontos do 20% para familia numerosas, monoparentais, nenos/as con discapacidade e cando participen dous irmáns no programa. Tamén se habilitarán descontos do 50% ou do 100% para familias con escasos recursos.

XX Campaña de Animación á Lectura
Tamén en materia educativa, aprobouse a memoria da XX Campaña Municipal de Animación á Lectura, que leva o título da última obra gañadora do Premio Compostela de Álbums Iustrados, "O can de Milu". Nesta edición, o programa desenvolverase do 24 de marzo ao 9 de maio e contará con sesións de contacontos, exposicións, obradoiros, formación para educadores, etc.

Premio Xohana Torres
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou as bases e a convocatoria dunha nova edición do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres. A edición de 2020 abrirase o 8 de marzo e os traballos poderán presentarse ata o 31 de decembro. As dúas modalidades, ensaio e creación audiovisual, contan cunha dotación de 2.500 euros cada unha delas.

Documentos relacionados



Compartir: