DEPORTES

A IV Gala do Deporte celebra os éxitos dos deportistas composteláns

19/02/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pechou a IV Gala do Deporte de Santiago. Premios Santiago Deporte 2019, celebrada no Auditorio de Galicia. No seu discurso, o rexedor destacou o esforzo e mérito dos deportistas e institucións premiadas. Engadiu que é unha moi útil na educación, xa que, entre outros valores, "fomenta a disciplina, o respecto polo adversario e a superación persoal".

A entrega de premios comezou despois dun vídeo sobre o deporte en Santiago, un monólogo de Federico Pérez e unha pequena entrevista á concelleira de Deportes, Esther Pedrosa. Lorena Pose e Federico Pérez foron os encargados de conducir a gala.

No primeiro bloque distinguiuse a entidades e clubs. O premio ao patrocinio deportivo foi para o Grupo Arcade Inforhouse; o galardón á actividade ou acción social para o Centro Xuvenil Don Bosco; o premio á entidade educativa para o Colexio La Salle; e o recoñecemento á entidade deportiva para o club de ximnasia rítmica Viravolta.

A continuación entregouse a mención especial ao futbolista Xosé Luis Fidalgo "Veloso", falecido en novembro do ano pasado. A distinción póstuma recolleuna o seu fillo. O alcalde destacou que o seu talento e a súa figura merecían ese recoñecemento.

Tamén se entregaron os premios ao adestrador e ao árbitro máis destacado. Recibíronos Francisco Javier "Chivi" García Rouco e Jacobo Rial, respectivamente.

Na última parte da gala recibiron os galardóns os/as mellores deportistas, comezando por Cristy Shedimar Tojo Velasco na modalidade de deporte adaptado; quedando finalistas Jonhatan Barral e José Antonio Rey Pazos. O premio á mellor deportista feminina de base foi para Martina Flores. As finalistas foron Carlota Villaverde Agra e Nerea Liste Alfonsín. Na categoría masculina de deporte base resultou galardoado Igor Arce Rodríguez, e finalistas Alejandro Harguindey Maneiro e Martín Casal de la Fuente.

O premio ao deportista masculino foi para Pepe Pozas, quedando finalistas Borja Iglesias e Alberto Mirás. E na categoría feminina, a galardoada foi Ruth Lorenzo, chegando á final Carmen Sumay Dios e Fátima Fernández Cano.

O premio honorífico, entregado polo alcalde, recibiuno o atleta Pedro Nimo.

Compartir: