BENESTAR SOCIAL

Máis de tres millóns de euros para a prestación de servizos sociais

26/02/2007 O Concello solicitará á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar unha subvención de 3.045.222 euros, destinados á prestación concertada de diversos servizos sociais. Esta petición, en resposta a unha convocatoria do organismo autonómico, pretende renovar algúns dos programas en funcionamento e a posta en marcha doutros novos en 2007.

A partida máis importante que se solicita é a destinada ao Programa de axuda a domicilio, por 1,4 millóns de euros. Tamén se demanda un millón de euros para investimentos, en concreto para o Centro Municipal de Servizos Sociais (646.100 euros), mobiliario da Casa das Asociacións (327.000) e Persoal de Atención Primaria (285.000).

Outros programas para os que se solicita subvención son os de eliminación de barreiras, de apoio a unidades de convivencia, de aloxamento e convivencia, de prevención da marxinación e inserción social, e de minorías étnicas.

Programa de educación familiar

Tamén en materia de benestar social, a Xunta de Goberno aprobou outra solicitude de subvención, neste caso para o Programa de educación familiar, por un importe de 25.232,79 euros. Así mesmo, ratificouse que a achega do Concello será dun 30% do custo total do programa, isto é, 10.814 euros.

Compartir: