ALCALDÍA

O alcalde destaca o compromiso de Domingo García-Sabell con Galicia, con Europa, coa liberdade e coa democracia

15/02/2020 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, destacou hoxe, no acto homenaxe a Domingo García-Sabell, o "seu compromiso con Galicia, con Europa, coa liberade e coa democracia". Foi durante a IX Asemblea Xeral da Irmandade da Sanidade Galega, celebrada no Pazo de Fonseca, minutos despois de descubrir unha estatuta cunha placa na memoria do insigne galeguista.

Sánchez Bugallo e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, foron os encargados de descubrir o busto de García Sabell cunha placa na que destaca a súa sinatura. Debaixo, o ano de nacemento, 1908, e o do seu falecemento, 2003. E a continuación o lema "Médico galeguista e humanista. Mestre clarexador, curador de doenzas e esculcador da nosa identidade".

Unha vez descuberta a estatua, as dúas fillas de Domingo García-Sabell realizaron unha ofrenda floral ante o busto do seu pai. Estaban presentes varios familiares do galeguista, así como distintas autoridades, entre elas o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; e varios/as concelleiros/as. O acto estaba organizado pola Irmandade da Sanidade Galega, coa colaboración do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a USC.

A continuación, os/as presentes trasladáronse ao Pazo de Fonseca para continuar a homenaxe xa no marco da IX Asemblea Xeral da Irmandade da Sanidade Galega. Interviron Flora Miranda, coordinadora xeral da Asemblea; Ramón López Vázquez, autor do libro Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía; Teresa García-Sabell, filla do homenaxeado; Valentín García e Xosé Sánchez Bugallo.

Na súa intervención, o alcalde compostelán referiuse a García-Sabell como unha persoa pragmatica, e destacou o seu papel como delegado do Goberno, médico humanista e intelectural comprometido. Durante esta Asemblea tivo lugar o acto formal de ingreso na Irmandade de 25 profesionais da sanidade.

Compartir: