IGUALDADE

Arrinca "Desveladas", o novo ciclo de obradoiros para as mulleres do rural

12/02/2020 Esta semana comezaron en Figueiras as sesións de Desveladas, o novo ciclo de obradoiros para a transformación das mulleres do rural. Ao primeiro dos talleres asistiu a concelleira de Igualdade, Noa Díaz, que conversou coas asistentes sobre as razóns que as levaron a participar por segundo ano nesta iniciativa.

Grazas a estes obradoiros, a través do traballo corporal, do diálogo e de diferentes linguaxes artísticas (música, audiovisual, teatro), as participantes expresaranse, reflexionarán e visibilizarán algúns aspectos das opresións de xénero que impiden vivir en liberdade. Cada sesión formativa converterase nun espazo propio para desvelar, analizar e transformar de forma creativa e grupal as realidades interiores destas mulleres, reconstruír situacións que se poden observar, vivir ou imaxinar, e reflexionar sobre elas ofrecendo ferramentas para o cambio dende unha perspectiva feminista.

Dos obradoiros, unha parte está destinado a aquelas mulleres que xa participaron en anteriores edicións e outro a aquelas que se incorporan este ano. Hai 12 prazas dispoñibles por obradoiro. O calendario é o seguinte:

- Lavacolla: os luns 17 e 24 de febreiro e 2, 9 e 23 de marzo.
- Figueiras: os martes 11 e 18 de febreiro e 3, 10 e 24 de marzo.
- Laraño: os mércores 19 e 26 de febreiro e 4, 11 e 25 de marzo.
- Marantes: os xoves 20 e 27 de febreiro e 5, 12 e 26 de marzo.
- Busto: os venres 21 e 28 de febreiro e 6, 13 e 20 de marzo.
- Aríns: os sábado 22 e 29 de febreiro e 7, 14 e 21 de marzo.
- Marrozos: os martes 17 de marzo e 7, 14, 21 e 28 de abril.
- Barciela e Cesar: os mércores 18 de marzo e 1, 8, 15 e 22 de abril.
- Lamascal: os xoves 2, 16, 23 e 30 de abril e 7 de maio.

Os obradoiros, impartidos por Cruz Dafonte, están abertos á participación de mulleres de calquera idade e son de balde. As interesadas poden achegarse a un dos centros socioculturais nos que se imparten ou formalizar a inscrición a través do correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal.

III Encontro de Mulleres do Rural
O ciclo de obradoiros rematará co III Encontro de Mulleres do Rural, no que estarán todas as participantes e ao que tamén convidará ás participantes das pasadas edicións. Será o 27 de marzo en Figueiras.

Compartir: