DEPORTE

Santiago, capital do xadrez grazas ao II Maxistral Cidade de Compostela

11/02/2020 Dende hoxe e ata o próximo 18 de febreiro, Compostela acolle a II edición do Maxistral Cidade de Compostela, un torneo que pretende impulsar os/as máis prometedores/as xogadores/as galegos/as e darlles a oportunidade de alcanzar os títulos de Mestre Internacional e Gran Mestre internacional, enfrontándoos a prestixiosos xadrecistas. As partidas desenvolveranse todas as tardes, a partir das 17:00 horas, no Hotel Hesperia Peregrino.

O Maxistral está deseñado como torneo pechado, con dez xogadores que loitan entre eles en sistema de liga. Todas as partidas poderanse seguir en directo nos salóns do Hotel Peregrino, e tamén no portal www.chess24.es, cos comentarios do GM David Lariño (campión nacional absoluto). Os detalles da competición foron presentados esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; o director do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, e César Abella, da organización do torneo.

Meste Internacional e Gran Mestre Internacional
O torneo ofrécelle aos/ás máis prometedores/as xogadores/as galegos/as a oportunidade de alcanzar o título de Mestre Internacional e Gran Mestre Internacional. Así, os composteláns Luís Medarde e Fernando Sánchez, xunto co ourensán David Gómez e o pontevedrés Alberto Portela, loitarán por conseguir 5 puntos dun total de 9, o que lles outorgaría matematicamente o título de Mestre Internacional. O outro galego, o xa Mestre Internacional Julio Súarez, precisaría 7 puntos sobre 9 para conseguir o seu primeiro título de Gran Mestre. Na mesma circunstancia está o leonés José González, xogador nacional convidado nesta edición.

Os grandes mestres invitados son o portugués Luís Galego (cinco veces campión nacional), o búlgaro Vladimir Petkov (unha vez campión nacional e membro das Selección olímpica en dúas ocasións), o serbio Aleska Strikovic (último campión da extinta Iugoslavia) e o armenio Karen Grigoryam, a figura do momento, que supera os 2.660 puntos ELO FIDE, aproximándose ao top 100 mundial.

Torneo paralelo aberto
Como novidade respecto á primeira edición do Maxistral, celebrarase tamén un torneo aberto a todos os/as xogadores/as, cun límite de 50 prazas, no que se repartirá unha bolsa de premios de 1.500 euros. A priori, o Mestre Internacional Diego Espiñeira é o favorito desta proba, na que tamén participan o Mestre FIDE Marcial García Carbo, e outros destacados xogadores como Henrique Rey Malde (campión absoluto galego), Carlos Pena, Eloy Sixto, Pablo Cordido ou Aspet Tadevosyan, actual campión mundial sub-14.

O I Maxistral Cidade de Compostela está organizado pola USC e conta co apoio do Concello de Santiago, de Galicia Calidade, da Caixa Rural, da Federación Galega de Xadrez e de Hesperia.

Compartir: