ALCALDÍA E SEGURIDADE CIDADÁ

O Servizo de Extinción de Incendios incorpora dous novos vehículos auxiliares

10/02/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e o xefe dos Bombeiros de Santiago, Manuel Sanmartín, presentaron na praza do Obradoiro os dous novos vehículos adquiridos para o Servizo de Extinción de Incendios. Son un todoterreo e unha furgoneta que facilitarán unha rápida e primeira intervención en determinadas emerxencias.

Estes dous vehículos veñen a substituír a outros cunha antigüidade de entre 29 e 24 anos e supuxeron un investimento de preto de 100.000 euros. Tal como explicou Manuel Sanmartín, o primeiro deles é un vehículo auxiliar todoterreo que facilitará a primeira intervención. Está preparado para transportar ata 5 persoas e materiais. O outro automóbil é unha furgoneta de transporte de persoas (ata 7, se ben inicialmente está preparado para 5 persoas) e carga. Está equipado cun panel de sinalización de emerxencia.

O responsable dos Bombeiros de Santiago destacou que estes dous vehículos incorporan a última tecnoloxía en materia de seguridade. Ademais, dixo, están dotados de equipos propios para unha primeira intervención (material de excarceración, extinción, apertura de portas...), que facilitarán unha maior rapidez nas actuacións e o traballo posterior das unidades de Bombeiros.

Renovación doutros tres vehículos
Na Xunta de Goberno celebrada este luns tamén se adxudicou o servizo de arranxo de tres vehículos do Servizo de Extinción de Incendios, por importe de 95.418 euros (IVE incluído). Esta renovación permitirá incorporar nestes vehículos novos dispositivos de emerxencias e de seguridade.

Compartir: