ALCALDÍA

Encontro de Sánchez Bugallo coa Federación Galega de Xoves Empresarios

05/02/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse este mércores co presidente da Federación Galega de Xoves Empresarios (FEGAXE), Luciano Covelo, e cunha das súas vogais, Beatriz García.

Na xuntanza, o presidente de FEGAXE explicoulle ao alcalde os detalles do foro económico que o 12 de marzo acollerá a Cidade da Cultura, unha cita que a entidade confía en consolidar e converter nunha cita anual en Santiago. Neste encontro, coa presenza de destacados relatores, abordarase a temática das inversións a medio e curto prazo.

O alcalde mostrou a sua satisfacción por poder colaborar con FEGAXE e pola coincidencia de pensamento sobre o papel clave que "a innovación e o emprendemento teñen no futuro da xente nova".

FEGAXE
Con máis 1.000 asociados, FEGAXE representa aos empresarios novos de Galicia e serve de canle de comunicación entre empresas co fin de crear redes de mercado propias. Proporciona aos seus asociados servizos como formación, asesoramento ou información.

Compartir: