CONSORCIO

O Consorcio destina 300.000 euros a axudas para mantemento exterior, carpinterías e mellora da eficiencia dos inmobles da cidade histórica

03/02/2020 O Consorcio de Santiago ten en marcha unha nova convocatoria do programa Ter é manter, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago, que inclúe ademais as actuacións sobre os elementos especiais de madeira e reixas. O organismo interadministrativo destinará a esta convocatoria un importe global de 300.000 euros. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro 2 de marzo.

Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. No suposto de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio, subvencionarase tamén o custo desta substitución. Ademais, inclúense as obras de mellora do illamento acústico dos inmobles.

Con carácter especial, e co obxecto de fomentar a mellora das instalacións de pluviais da cidade histórica, subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de pluviais deteriorados, así como os gardacanos e a conexión da instalación á rede xeral. As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de estadas; así como os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra, de elaboración do Informe de Avaliación do Edificio (IEE) e de redacción do Plan de Mantemento do edificio de uso de vivenda.

Beneficiarios das axudas
Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas como unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios.

Valoración dun plan de mantemento para o edificio
Os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos dez anos. E terán que estar destinados a vivenda (como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto), comercial en clases I e II, oficinas, industrial, sociocultural, asistencial ou institucional; segundo a definición establecida na Normativa Urbanística do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

As solicitudes poderán presentarse no rexistro do Consorcio ou en calquera outro rexistro. Na avaliación das mesmas valorarase o nivel de ingresos da unidade de convivencia, que se dispoña dun plan de mantemento para o edificio, así como a incorporación de novos solicitantes. Terase especial consideración cos inmobles afectados pola contaminación acústica, situados nas zonas declaradas saturadas de ruído polo Concello de Santiago, sempre que coa intervención se consiga unha mellora do illamento acústico.

Tamén se terá en conta a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira, o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao seu nivel de ocupación.

Asistencia técnica do Consorcio
Estas axudas inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que os técnicos do Consorcio elaboren a documentación técnica necesaria para a realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.

Compartir: