XUNTA DE GOBERNO

O aparcadoiro de Triacastela proporcionará 39 prazas de estacionamento

03/02/2020 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou o proxecto de acondicionamento dunha parcela da rúa de Triacastela para convertelo nun estacionamento en superficie. Na sesión tamén se acordou a prórroga do Servizo de Axuda no Fogar e autorizáronse novas actuacións para impulsar a sede electrónica municipal.

O proxecto do aparcadoiro da rúa de Triacastela conta cun orzamento máximo de licitación de 295.306,34 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de catro meses. A intervención contempla a creación de 39 prazas de estacionamento, dispostas en dobre liña de aparcamento en batería. Con carácter complementario (en combinación do proxecto de reurbanización da rúa dos Concheiros) crearase un novo percorrido peonil que atravesará Concheiros e desembocará en Triacastela.

Lembrou o alcalde que xa se acometeu a expropiación dos terreos e que a obra se realizará en paralelo á prevista en Concheiros.

Muro do campo de fútbol das Cancelas
Continuando con obras, pero neste caso no ámbito dunha instalación deportiva, na Xunta de Goberno deuse conta das actuacións de emerxencia realizadas no campo de fútbol das Cancelas pola caída do peche perimetral. Así, valídanse os traballos iniciados o 23 de xaneiro, para estabilizar, reparar e substituír o peche e o muro perimetrais do campo. O orzamento das obras executadas, ascende inicialmente á cantidade de 32.596,98 euros, IVE incluído.

Prórroga do Servizo de Axuda no Fogar
Outro dos acordos do Goberno local foi a prórroga dos dous contratos coas empresas que veñen prestando o Servizo de Axuda no Fogar, Servisar Servicios Sociales, SL e Eulen Servicios Sociosanitarios, SA, adxudicatarias o 14 de febreiro do ano 2018. As prórrogas terán efecto dende o 14 de febreiro deste 2020 e ata que se adxudique o novo contrato e, en todo caso, por un período máximo de 10 meses e 16 días.

Subvencións sociais
Tamén no ámbito da Concellaría de Políticas sociais, aprobouse a solicitude dunha subvención á Xunta de Galicia, por 373.568,76 euros, para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da RISGA. A devandita cantidade permitiría contratar a 29 traballadores durante nove meses para os seguintes postos: técnico/a administrativo/a (3), administrativo/a (9), auxiliar administrativo/a (7), atención ao público (2), peón/a de obras (4) e peón/a de xardíns (4). Ademais, solicítase outra subvención de 25.000 euros para accións de información, orientación e busca de emprego.

Seguindo con Políticas Sociais, tomouse en coñecemento da concesión pola Consellería de Sanidade da subvención solicitada polo Concello para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas. Outorgáronse 173.440 euros, a repartir en catro anualidades (2019-2022). O Concello achegará 97.560 euros. Esta achega destínase ao funcionamento da Unidade Municipal de Prevención de Drogodependencias (UMAD).

Deuse conta igualmente dunha transferencia pola Xunta de 227.670,81 euros para o financiamento da contratación de persoal dos Servizos Sociais do Concello.

Sede electrónica
Por outra parte, o Concello segue dando pasos para a creación da súa sede electrónica. A Xunta de Goberno aprobou a súa posta en marcha (sede.santiagodecompostela.gal), así como a creación do seu correspondente certificado. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, estima que a finais de marzo poderá estar operativa esta sede electrónica.

Ademais, deuse o visto bo a unha serie de actuacións administrativas que será posible realizar a través desta sede electrónica: recibos acreditativos da recepción de documentos no rexistro electrónico e da recepción de documentos presentados no rexistro presencial; selado do proceso de dixitalización dos documentos papel presentados no rexistro presencial co obxecto de asegurar a súa interoperabilidade, conservación e lexibilidade; peche dos libros electrónicos do rexistro, emisión da comunicación informativa de información dos prazos do expediente e do senso do silencio administrativo; actos de trámite e administrativos sobre requirimento de corrección ou emenda de defectos; inclusión de copia electrónica auténtica de documentos en papel; proceso de selado de documentos electrónicos co obxecto de facilitar a súa interopaerabilidade, conservación e lexibilidade; índice e foliado electrónico do expediente; comunicacións e notificacións electrónicas coa cidadanía e as empresas; certificados de residencia, convivencia, individual histórico, empadroamento matrimonio, non débeda, parcelas de rústica, cobro dun recibo, entregas a conta SEP, pago SEP; carta de pago; asignación automática do número de Decreto e a súa inclusión no libro de resolucións, asignación automática do número de acta de XGL e a súa inclusión no libro e actas da XGL, asignación automática do número de acta do Pleno e a súa inclusión no libro de actas do Pleno; certificado automático de publicación nos taboleiros electrónicos; dilixencia automática de fin de exposición de publicación nos taboleiros electrónicos; oficio automático de remisión ou notificación electrónica; dilixencia automática de notificación electrónica practicada; dilixencia automática de notificación electrónica rexeitada e acuse de subscrición a aplicación de notificación electrónica.

Documentos relacionados



Compartir: