CONSORCIO

A Real Filharmonía participa no Concurso Internacional de Piano de Xaén xunto ao pianista Javier Perianes

30/01/2020 A Real Filharmonía de Galicia vai participar, xunto ao aclamado pianista Javier Perianes, no 62º Concurso Internacional de Piano de Xaén. Serán dous concertos homenaxe a Beethoven, coincidindo co 250º aniversario do seu nacemento, mañá venres 31 de xaneiro e o sábado (ambos ás 20:30 horas), baixo a batuta do mestre Manuel Hernández-Silva. Este certame, promovido pola Deputación de Xaén, é un dos máis prestixiosos a nivel mundial desta modalidade musical. A RFG inicia así o ano cunha xira nacional, que precede á xira internacional que a orquestra realizará por Austria no mes de marzo.

No marco deste certame, a Real Filharmonía de Galicia actuará dentro do III Festival de Piano. Será a primeira vez que os concertos para piano de Beethoven se interpreten no seu conxunto en Xaén. Trátase de cinco partituras monumentais que soarán da man do pianista onubense Javier Perianes, que foi gañador do Premio "Xaén" de Piano no ano 2001.

Javier Perianes é un dos pianistas españois máis internacionais. Actuou nas salas de concertos máis prestixiosas do mundo e coas principais orquestras, colaborando con directores da talla de Daniel Barenboim, Lorin Maazel, Zubin Mehta, Gustavo Dudamel, Sakari Oramo, Rafael Frübeck de Burgos, Josep Pons, David Afkham, Pablo Heras-Casado… Descrito por The Telegraph como "un pianista de impecable e refinado gusto, dotado dunha extraordinaria calidez sonora", foi Premio Nacional de Música 2012 e "Artista do Ano 2019" dos International Classical Music Awards.

Tocou xunto á Filharmónica de Viena; Orquestra de Cleveland; sinfónicas de Chicago, Boston e San Francisco; filharmónicas de Oslo, Londres, Nova York e Los Ángeles; Orquestra de París, Orquestra Sinfónica de Radio Berlín; Nacional Danesa; Nacional de Washington; Sinfónica Yomiuri Nippon; ou a Sinfónica de Montreal, entre outras moitas.

É artista exclusivo do selo Harmonia Mundi. A súa extensa discografía abarca dende Beethoven, Mendelssohn, Schubert, Grieg, Chopin, Debussy, Ravel e Bartók ata Blasco de Nebra, Mompou, Falla, Granados ou Turina. O seu álbum coa gravación en directo do Concerto de Grieg e unha selección das Pezas Líricas foi descrito como "unha nova referencia" pola revista Classica, que lle outorgou un Premio Choc. Tamén mereceu as distincións "Editor’s Choice" de Gramophone e "Mestre" da revista Pianiste. A súa "elegante visión" e "brillante interpretación" (New York Times) das Romanzas sen palabras de Mendelssohn outorgáronlle o "Choc" de Classica e a súa inclusión no "Top 10" de gravacións de Mendelssohn pola revista Gramophone. A súa gravación de Noites nos Xardíns de España xunto a unha selección de pezas para piano de Falla recibiu así mesmo as distincións "Choc" de Classica e o "Editor’s Choice" de Gramophone, ademais de ser nomeada ao Grammy Latino 2012.

O mestre Manuel Hernández-Silva
A batuta destes dous concertos en Xaén levaraa o mestre Manuel Hernández-Silva, un director xa habitual á fronte da Real Filharmonía de Galicia. Na actualidade é director musical e artístico da Orquesta Filarmónica de Málaga e da Orquesta Sinfónica de Navarra. Graduouse no Conservatorio Superior de Viena con matrícula de honra. No ano da súa diplomatura gañou o concurso de dirección Forum Jünger Künstler, convocado pola Orquestra de Cámara de Viena, dirixindo a esta formación na Konzerthaus da capital austríaca.

É un invitado asiduo das orquestras españolas, europeas, americanas e asiáticas. Foi director titular da Orquesta de Córdoba, principal director convidado da Orquesta Simón Bolívar de Caracas e director musical da Orquesta Joven de Andalucía. Desenvolve unha intensa actividade docente, impartindo cursos internacionais de dirección, así como numerosas conferencias.

Compartir: