CENTROS SOCIOCULTURAIS

Amplo abano de actividades na programación da biblioteca José Saramago e das Aulas de Xogo dos Centros Socioculturais para o primeiro semestre do ano

28/01/2020 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, presentou o programa de actividades da biblioteca José Saramago e o programa de actividades das aulas da rede de xogo dos Centros Socioculturais, nos que están incluídas as actividades programadas no primeiro semestre do ano.

Do programa de actividades da biblioteca José Saramago, que engloba as aulas de lectura dos Centros Socioculturais de Fontiñas, de Santa Marta, de Vite, de Conxo e do Castiñeiriño, Javier Fernandez destacou que "é unha programación pensada tanto para para os pequenos lectores usuarios das bibliotecas, como para persoas adultas. Unha programación, engadiu, "deseñada en clave cultural, e tamén como non, en clave feminista, na que adquiren protagonismo importantes figuras galegas".

Entre as actividades programadas en xaneiro, están as do xoves día 30, adicado Castelao, no que se van desenvolver varias lecturas e relatorios sobre a súa obra e figura. En febreiro, o día 20, con motivo do Día Internacional das Mulleres na Ciencia, celebrarase unha mesa redonda e unha charla coordinada pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Cendón. E o martes, 24 de febreiro, a protagonista é Rosalía de Castro. Recordarase con lecturas e actividades ao redor da súa figura, e cunha visita á Casa Museo de Rosalía.

O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, os clubes de lectura contarán cunha selección de textos e libros feministas. Será o tema no que se centrará o debate da semana, no que tamén hai programados relatorios e obradoiros para mellorar as relacións emocionais entre persoas a través dunha óptica de xénero, que serán impartidos por Reina Dhore e Santi Giménez. O teatro terá tamén o seu espazo, coa representación da obra "A estraña familia" por parte do grupo Martabelas.

En abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o Día Internacional do Libro, cunha programación específica na que colabora GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Están programadas exposicións, lecturas, obradoiros, trocos de libros, mesas de intercambio, agasallos, e solta de libros ou bookcrossing, co obxectivo de achegar aos máis pequenos, pero tamén aos maiores, a ese marabilloso mundo de coñecemento e entretemento que é a lectura.

Maio centrarase na figura de Carvalho Calero, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, cun programa que se presentará máis adiante, igual que as propostas específicas para conmemorar o bicentenario do nacemento da escritora e feminista Concepción Arenal. As aulas de lectura da Biblioteca José Saramago, sumaranse aos actos na súa homenaxe. Por exemplo, visitas a exposicións sobre a autora, lectura das súas obras etc. Segundo explicou Javier Fernández, "pensamos que Concepción Arenal foi unha muller adiantada ao seu tempo, que segue tendo unha extraordinaria vixencia no século XXI"

Tamén se van programar actividades en torno á figura de Domingo de Andrade, (Cee 1639 - Santiago de Compostela 1712), arquitecto, escritor e entallador entre outros oficios. Ademais de coñecer os seus escritos, está prevista unha andaina no mes de abril polo barroco compostelán, do que Domingo de Andrade foi clave para a súa introdución na cidade.

Este ano celébrase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, que dará pé, nos clubes de lectura, para afondar na súa faceta de escritor e ensaista. Tamén este ano é o centenario do establecemento de Federico García Lorca na Residencia de Estudantes en Madrid, unha efeméride que servirá para redescubrir a súa obra e as poesías que escribiu en Santiago. Xa no mes de xuño, hai programados distintos paseos literarios por Compostela, que se presentarán máis adiante.

Actividades das aulas de xogo
Segundo explicou o concelleiro de Centros Socioculturais, "este semestre, a liña de traballo das aulas de xogo xirará en torno ao mundo natural, e centrarase nos catro elementos que o conforman: terra, aire, auga e lume". Ademais, tanto os obradoiros como os xogos organizaranse por semanas temáticas, arredor dos días declarados de interese internacional.

Por exemplo, o 11 de febrero, Día Mundial das Mulleres e as Nenas na Ciencia, as cativas e cativos xogarán a ser científicas. Ou o entroido, onde está previsto construír elementos propios desta data. En marzo celebrarase, nas Aulas de Xogo, o Día Mundial da Natureza e o Día Internacional dos Bosques. En abril, o Día do Libro Infantil, Día da Terra, e en maio, o Día Internacional do Xogo. En xuño, coincidindo co San Xoán, os máis pequenos poderán coñecer as herbas máxicas propias dese día.

O concelleiro Javier Fernández rematou a súa intervención agradecendo o labor do persoal dos Centros Socioculturais. Tamén lle deu as gracias a Enrique Vázquez Naveira, xefe de servizo; e a Guadalupe Rodríguez Silva e Matilde Pérez, técnicas de programación, por acompañalo durante a presentación.

Compartir: