EDUCACIÓN

Uns 1.000 alumnos de secundaria participarán nunha nova edición do Programa de educación afectivo sexual

23/02/2007 Ponse en marcha a cuarta edición do Programa de educación afectivo sexual. Baixo o lema desta edición, "Sexibilízate", pretende instaurar este tipo de contidos no sistema educativo dun xeito integral. Ata o mes de abril, participarán uns 1.000 alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO.

A actuación, presentada pola concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, será realizada por Xeneme Intervención Social. Estableceranse tres liñas de acción: obradoiros intracurriculares, grupos extraescolares intercentros e visitas didácticas ao centro Quérote. O programa aspira a ser un complemento ao labor do profesorado, impartido neste caso por persoal especializado na materia.

Nos obradoiros intracurriculares participarán escolares dos institutos Sar, Eduardo Condal, Compostela, Xelmírez I, Pontepedriña, Xelmírez II e Antonio Fraguas. O seu obxectivo é dotar aos máis xoves dun concepto integral de sexualidade cara unha aceptación positiva de si mesmos e do seu contorno. Achegarase información clara e directa, traballarase na percepción da afectividade e incidirase nas condutas de protección e saúde na vivencia positiva da sexualidade.

En canto aos grupos extraescolares, o seu fin e vincular o programa un tempo e espazo diferentes. Desenvolverase no Centro Sociocultural do Ensanche. Servirán para ampliar contidos e afondar nas actitudes positivas no plano afectivo e sexual.

Finalmente, este curso incorpórase como novidade as visitas organizadas ao centro Quérote, da Dirección Xeral de Xuventude, destinado ao asesoramento afectivo sexual para a mocidade. Os alumnos tamén irán ao Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia.

Compartir: