SEGURIDADE CIDADÁ

Santiago segue a diminuír os seus índices de delincuencia

23/02/2007 "Non creo que sexa motivo para crear alarma social". Así se pronunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito das roturas dos vidros de cinco escaparates nos últimos días. Indicou que iso non ten que ver cun incremento da delincuencia na cidade, xa que as cifras dos últimos meses, xaneiro incluído, afirman o contrario.

Os datos sobre delincuencia serán analizados na Xunta Local de Seguridade do venres 2 de marzo. Pero o alcalde adiantou que "dos datos dos últimos catorce meses non se desprenden motivos para presupoñer un incremento da delincuencia. Ben ao contrario, segue a consolidarse a redución progresiva, tal como vén acontecendo dende hai 20 anos, lembrou.

Sánchez Bugallo comparou as cifras de 1987, cando se produciron 3.200 delictos, coas de 2006, "onde non se chegou aos 1.300". En xaneiro rexistráronse 70 delictos, un dato tamén inferior ao do mesmo mes en 2006.

Volvendo ás roturas das vidreiras, o alcalde achacounas fundamentalmente a "comportamentos incívicos". Neste sentido, insistiu na necesidade de "non transmitir unha falsa imaxe dunha cidade modélica en canto a índices de delincuencia". Finalmente, anunciou que manterá en breve unha xuntanza coa Agrupación de Comerciantes de Santiago (Acotés), que ten manifestado a súa preocupación por estes últimos incidentes.

Compartir: