ALCALDÍA

O alcalde de Santiago e a concelleira de Políticas Sociais visitan as instalacións de Espina & Delfín

22/01/2020 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Saúde e Medio Ambiente, María Milagros Castro Sánchez, coñeceron, esta mañá, as instalacións de Espina & Delfín.

Os administradores solidarios da empresa compostelá, Rosa Blanca Rodríguez e Óscar Rodríguez, guiaron aos membros da corporación municipal pola sede social do grupo, no polígono do Tambre.

Sánchez Bugallo e Castro Sánchez visitaron os laboratorios especializados no sector da auga, un dos emblemas da compañía. Aquí realízase o control permanente de todos os procesos para asegurar a calidade sanitaria das augas. Ademais, posúen a máxima acreditación na análise de augas residuais, concedida pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).

Espina & Delfín ten firmados convenios de colaboración con diversos centros educativos locais, como a Universidade de Santiago de Compostela e centros de Formación Profesional, que realizan parte do seu programa formativo nestes laboratorios.

Durante a visita tamén coñeceron os talleres electromecánicos e de caldeirería, as oficinas de administración e o departamento de enxeñería, entre outras dependencias.

Espina & Delfín é o principal grupo galego que se ocupa do ciclo integral da auga, sector no que deseña, constrúe e xestiona infraestruturas e servizos de abastecemento e saneamento. Medio centenar de concellos de Galicia, nos que residen normalmente 550.000 persoas, confían en Espina & Delfín. A empresa tamén executa obra civil e opera en Portugal, Angola e Colombia. Colabora en decenas de proxectos de responsabilidade social corporativa e inviste en diversas iniciativas de I+D+i.

Compartir: