POLÍTICAS SOCIAIS

O "II Concerto Benéfico NormalizAutismo" celebrarase o vindeiro 7 de febreiro no Teatro Principal

22/01/2020 Guadi Galego, Luís Fercán, Yoli Saa, Jorge Casal, Xabier Vizcaíno, Vicky Gastelo e Adriana Moragues estarán entre os cantautores que actuarán neste "II Concerto Benéfico NormalizAutismo", que foi presentado hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro. A recadación deste concerto irá destinada integramente ao desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización para a visualización e mellor comprensión das afeccións que acompañan ao trastorno espectro autista.

"NormalizAutismo Galicia" é unha entidade sen ánimo de lucro promovida por familiares e amigos de persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA). Preocupados por mellorar a calidade de vida e por promover o exercicio efectivo dos dereitos destas persoas, xurde a necesidade de ir máis alá dirixindo todo o esforzo cara á sociedade galega mediante o desenvolvemento de campañas sociais e de información, repartidas durante todo o ano.

"NormalizAutismo Galicia" está a desenvolver o seu segundo proxecto consistente no "II Concerto Benéfico NormalizAutismo", que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o vindeiro 7 de febreiro e pretende ter un concepto de gala benéfica na que se combinarán actuacións musicais cun labor de información aos asistentes sobre as principais aptitudes e/ou dificultades que as persoas con trastorno espectro autista manifestan, para contribuír a unha convivencia mais inclusiva, aberta e bidireccional.

Os artistas convidados intervirán dun xeito individual e colectivo mediante a participación e colaboración entre todos eles. Así, acadaranse versións en acústico das melodías, linguas e voces nunca antes escoitadas polos amantes da música de autor e do son en acústico, tratándose esta iniciativa por tanto, dunha proposta específica no ámbito cultural no que se proxecta.

Guadi Galego estará acompañada doutros artistas galegos como Luís Fercán, Jorge Casal, David Prado, Xabier Vizcaíno, Silvia Penide e Álvaro Iglesias. Outros artistas nacionais como Rebeca Jiménez, Fran Fernández, Dani Hare, Yoli Saa, Adriana Moragues y Vicky Gastelo sumaranse coa súa colaboración a esta iniciativa de normalización e visualización do trastorno espectro autista.

Desde a data de hoxe (22 de xaneiro de 2020) as entradas estarán á venda online a través do portal de Abanca e á venda física na taquilla do Teatro Principal de Santiago de Compostela. Disporase de Fila Cero para o que non poida asistir. A recadación deste concerto irá destinada integramente ao desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización para a mellor comprensión das afeccións que acompañan a este trastorno.

Concello de Santiago, Sónar Compostela, Galletas para Matilde, Radio Galicia e Beyla Belleza y Láser apoian coa súa colaboración esta segunda edición do "Concerto Benéfico NormalizAutismo" que aspira ter unha boa acollida para poder seguir co seu labor e celebrar futuras edicións desta cita.

Compartir: