ALCALDÍA

O Goberno presenta aos grupos municipais o documento sobre actuacións urxentes no entorno da Catedral e nas zonas anexas da cidade histórica para o ano 2021

20/01/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, deron conta deste documento en rolda de prensa e trasladáronllo tamén aos grupos municipais.

O documento recolle as actuacións urxentes a realizar en 14 espazos da cidade histórica: prazas da Inmaculada, Obradoiro, Praterías, Quintana; en San Francisco; avenida de Xoán XXIII; rúa do Franco; rúa da Raíña e praza de Fonseca; rúa Travesa de Fonseca; rúa do Vilar; rúa Nova; praza do Toural e Cantón do Toural; praza de Fuenterrabía e rúa da Senra e praza de Galicia.

As medidas a realizar están todas encadradas nos seguintes epígrafes: accesibilidade, servizos públicos, mobilidade, iluminación ornamental, regulación dos usos dos espazos públicos no entorno da catedral e outras actuacións nos espazos públicos. Segundo indicou o rexedor, algunhas delas xa se están a realizar e, a meirande parte, comezarán canto antes.

No que respecta á accesibilidade, tres son as actuacións fundamentais: habilitarase un novo acceso para as cubertas da catedral e o museo no Arco de Palacio; mellorarase a imaxe da Costa do Cristo cambiando o actual acceso ao departamento municipal de Tráfico; e na praza de Galicia cambiarase a ubicación da parada do autobús ao aeroporto, que recollerá os vixeiros no carril de servizo do actual aparcamento co obxectivo de descargar a presión da beirarrúa na que actualmente se atopa a parada. Así mesmo, procederase tamén á ampliación de beirarrúas.

En canto aos servizos públicos, melloraranse os existentes en Costa do Cristo, Alameda e parque de Xixón; e construiranse novos na rúa de Raxoi e na praza das Praterías. O alcalde tamén fixo constar a iniciativa da Fundación Catedral de ampliar os aseos públicos do antigo centro de atención aos peregrinos na Casa do Deán.

No ámbito da mobilidade procederase a reducir o límite temporal da distribución de mercadorías na cidade histórica e habilitaranse novas zonas de reparto en Rodrigo de Padrón e praza de Fuenterrabía. En iluminación, encargarase un proxecto urxente de iluminación exterior do conxunto da catedral e un plan director de iluminación do conxunto da cidade histórica.

Otro dos aspectos que aborda o documento é a regulación dos usos nos espazos públicos do entorno da catedral. Neste ámbito procederase ao traslado do fogos das festas do Apóstolo da praza do Obradoiro. O alcalde puntualizou que se seguirá mantendo o espectáculo de luz e son da noite do 24 de xullo pero terase que estudar unha ubicación alternativa para o lanzamento da pirotecnia. Así mesmo, ademais da redacción dun documento base para regular a utilización dos espazos públicos no entorno da Catedral, procederase á redacción dun proxecto de instalacións temporais para os espectáculos a celebrar na praza da Quintana.

O documento complétase con outras actuacións como a posta en marcha dun servizo de control e apoio para os visitantes; actuacións puntuais na praza da Quintana para protexer a Porta Santa; a reforma do servizo de trens turísticos; ou a retirada da compactadora de lixo e colectores de recollida de vidro situados actualmente na rúa Travesa de Fonseca. Para compensar, Sánchez Bugallo indicou que se habilitará "un servizo de recollida cada hora ou dúas horas" de cara ao Ano Santo.

Compartir: