XUNTA DE GOBERNO

Luz verde ao proxecto modificado da Finca do Espiño

20/01/2020 A Xunta de Goberno local aprobou o devandito proxecto por importe de 1.460.000 euros. Entre outros asuntos, tamén se acordou a redacción dun novo prego para a implantación dun servizo de atención á infancia no espazo educativo e de lecer María Miramontes.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados na última sesión da Xunta de Goberno local. Entre eles salientou a aprobación do proxecto técnico de rehabilitación do palacete da finca do Espiño para equipamento municipal cultural e administrativo presentado con data 16 de xaneiro de 2020 polo arquitecto José Luis Pereiro Alonso. Segundo o rexedor era un trámite necesario xa que o proxecto anterior "estaba antigo e quedaba fóra da realidade actual". O orzamento máximo de licitación é de 1.209.657,85 euros (máis IVE) e o prazo de execución é de 12 meses.

Así mesmo, acordouse a subsanación dos erros detectados e a nova redacción dos pregos de prescricións técnicas para a contratación do programa piloto para a implantación dun servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal na ludoteca das Fontiñas. O expediente de contratación xa se iniciara o 11 de novembro, pero a detección duns erros no prego de prescricións técnicas obrigou a corrixilos para poder continuar co procedemento.

Por outra banda, declárase formalmente a extinción da relación contractual formalizada coa empresa Clear Channel SLU con efectos de maio de 2009, e na súa virtude, declárase a inexistencia de título válido que lexitime a ocupación de dominio público con marquesiñas urbanas e muppis por parte da citada empresa. Considerando que esta propón ao Concello a entrega dos referidos bens e que a aceptación da cesión deste mobiliario pode ampararse en razóns de interese público dado que continuarían a ser uilizadas polo usuarios do transporte ata o momento en que o Concello outorgara unha nova autorización ou concesión sobre o dominio público que, en atención á tramitación que implica, non se producirá antes de seis meses, acéptase a cesión dos bens sen que proceda o pagamento de ningunha cantidade a Clear Channel SLU.

Por último, concrétase que a sanción de 3.005,06 euros imposta á empresa Ferrovial Servicios SA por acordo da XGL de 28 de outubro de 2019 farase efectiva sobre a próxima e posible factura mensual do servizo e déixase sen efecto o expediente de imposición de penalidades polo 3% do orzamento base de licitación así como de prohibición para contratar con esta administración aberto contra a empresa Proyecon Galicia SA en relación á licitación das obras de rehabilitación da Finca do Espiño para equipamento municipal cultural e administrativo.

Documentos relacionados



Compartir: