ALCALDÍA

A redución do período de pago a 28,6 días permitirá ao Concello destinar superávit a financiar actuacións de cara ao Xacobeo 2021

17/01/2020 O Goberno municipal presentará a vindeira semana aos grupos municipais e á Comisión de Coordinación do Xacobeo 2021 a primeira parte das actuacións vinculadas ao próximo Ano Santo, que se acometerán no ámbito do Casco Histórico. Así o anunciou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen indicou que o cumprimento do período medio de pago permitirá que boa parte do superávit dos orzamentos de 2019 se poida destinar a estas e outras actuacións con vistas ao Xacobeo, contemplándoas como investimentos financeiramente sostibles.

Sánchez Bugallo explicou que estas actuacións no ámbito do Casco Histórico, relacionadas fundamentalmente coa "atención aos/ás visitantes", xa están ultimadas, polo que se incluíu a redacción dos seus proxectos nos orzamentos de 2020. O seu detalle será dado a coñecer aos grupos municipais na vindeira semana, e tamén o martes á Comisión de Coordinación do Xacobeo. Algunhas destas medidas, dixo, implicarán modificacións en normativas municipais. "Máis adiante daremos a coñecer as actuacións no ámbito perimetral", apuntou o alcalde.

Boa parte destas actuacións a realizar con vistas ao Ano Santo serán custeadas como investimentos financeiramente sostibles a cargo do superávit do orzamento de 2019. Isto será posible, apuntou, grazas a que o Concello xa cumpre co período medio de pago, situándoo en 28,6 días na actualidade, cifra que Sánchez Bugallo prevé incluso mellorar nos vindeiros meses.

O alcalde confía en "ter ultimadas a maior parte das actuacións" no primeiro trimestre de 2021. Tamén para esa data quere ter lista a remodelación de Concheiros, obra que depende da aprobación dos orzamentos de 2020 para sacala a licitación. O proxecto marca un período de execución de 12 meses, pero Sánchez Bugallo avoga por establecer "cláusulas" nos pregos que permitan establecer "dous turnos de traballo" e así acortar os prazos. En calquera caso, indicou, "buscaranse fórmulas para compatibilizar a obra co paso dos peregrinos".

Outra actuación pendente é a do vieiro Clara Campoamor, neste caso pendente da decisión do comité de expertos para proceder á súa adxudicación, cun prazo de execución de cinco meses. O alcalde agarda que o comité se poida reunir a vindeira semana, para que a Xunta de Goberno Local poida adxudicar a obra este mesmo mes de xaneiro, polo que mantivo o compromiso de ter a obra rematada o 1 de agosto.

Tamén importantes cara o Ano Santo son os elementos de control de accesos vinculados ao proxecto europeo Smartiago, orzamentados nun millón de euros. Neste caso, o alcalde anunciou a convocatoria do concurso entre febreiro e marzo.

Comisión de Peleteiro
Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde tamén anunciou que o mércores 22 se convocará a Comisión Municipal de Peleteiro. O Goberno local quere levar "ao pleno de marzo, ou antes" unha proposta para sometela á aprobación da Corporación. O rexedor lembrou que a decisión que se adopte implicará unha modificación do PXOM e expresou a súa confianza en formular un proxecto que xunte as vontades de veciñanza, comerciantes e propiedade.

Orzamentos 2020
Sobre os orzamentos de 2020, Sánchez Bugallo agarda que durante a vindeira semana se poidan aprobar os orzamentos de Incolsa, Tussa e Auditorio de Galicia. E entre a semana que vén e a seguinte espera alcanzar "algún acordo para sacar adiante os orzamentos co apoio do Pleno". Neste sentido, mantivo o compromiso de someter as contas á Corporación "non máis alá de febreiro".

Estacionamentos
A preguntas dos xornalistas sobre o futuro do estacionamento da praza de Galicia, o alcalde lembrou que "a concesión remata en 2025" e que "corresponderá á seguinte Corporación tomar a decisión". En calquera caso, explicou que o Goberno actual se decanta por "aproveitar a oportunidade para remodelar todo o ámbito, dende a Porta do Camiño á Alameda".

Pisos baleiros
Tamén respondendo aos medios, neste caso sobre os pisos baleiros e a súa influencia no mercado inmobiliario, Sánchez Bugallo insistiu en que "a determinación dese réxime de vivenda baleira só pode realizarse mediante norma estatal ou disposición autonómica". Só no caso de producirse esta regulación, explicou, o Concello "tería a posibilidade de fixar recargas fiscais" a estas vivendas.

En función dos datos derivados do consumo de auga, o alcalde cifrou en 5.000 as vivendas baleiras da cidade, ás que sumou outras 1.000 que "non están conectadas á auga, co cal seguramente non estean en condicións de ser habitadas".

Compartir: