ALCALDÍA

O alcalde sinala que existe demanda para outras dúas garderías no Polígono do Tambre e en Santa Marta

07/01/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou este martes a Escola Infantil de Santa Susana, localizada na Alameda, na compaña do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; da conselleira de Política Social, Fabiola García; e da concelleira de Educación, Noa Díaz, ademais doutros representantes políticos autonómicos e locais. Guiounos na visita a directora do centro, Mª Luz Rodríguez.

O rexedor explicou que neste momento hai case un 40% de prazas en garderías públicas "con respecto á demanda potencial". Unha porcentaxe que, sinalou, resulta insuficiente: "temos demanda tanto no Parque Empresarial do Tambre como na zona de Santa Marta para construír outras dúas". Isto indica, subliñou o alcalde, "unha integración da muller; unha sociedade que avanza, máis xusta e máis equilibrada; e dende logo, unha mellor oferta para os nosos nenos e nenas". Hoxe, engadiu, "a oferta de prazas en escolas infantís é un elemento fundamental, que axuda a garantir que a muller poida desenvolverse profesionalmente".

Segundo explicou o rexedor, Santa Susana foi a primeira escola infantil de titularidade pública que tivo Compostela durante décadas, despois de que o Concello lle cedera o edificio ao Ministerio de Traballo. "A partir do ano 2.000, afortunadamente, afrontouse un proceso que levou a que se construísen a de Conxo, a de Fontiñas, as que se xestionan a través da Galiña Azul e, posteriormente, a da Fundación Amancio Ortega". A estas está previsto que se lle sumen, nun futuro, as previstas no Polígono do Tambre e no barrio de Santa Marta.

Na Escola Infantil de Santa Susana hai matriculados/as actualmente máis de 60 nenas e nenos de entre 0 e 3 anos, e están empregadas 15 persoas.

O edificio de Santa Susana é un dos poucos de estilo modernista que existe en Santiago. Deseñado por Antonio Palacios, é o único que queda en pé dos construídos para a exposición de 1909. Xestionado pola Xunta de Galicia, foi restaurando hai dous anos. Nas obras investiuse un millón trescentos mil euros.

Compartir: