CONSORCIO

O legado de Carlos Maside trasládase hoxe venres da Universidade á Fundación Granell, onde permanecerá durante todo o vindeiro ano

13/12/2019 O legado do pintor Carlos Maside foi adquirido polo Consorcio de Santiago en 2018, por un importe global de 430.717 euros, o 50% do cal financiouno o organismo interadministrativo e a parte restante a Deputación da Coruña. O acordo entre ámbalas dúas institucións permite que as obras, ata entón en mans da familia, permanezan en Compostela, cumprindo así o desexo do artista.

Posteriormente o Consorcio asinou un convenio co Concello de Santiago para a cesión, en réxime de comodato, das obras do legado Maside. O Concello encárgase así de sufragar todos os custos derivados da súa conservación, seguridade e exposición pública. Como sede temporal, as obras estiveron expostas dende maio deste ano en dependencias da Universidade de Santiago, no espazo coñecido como comedor do Colexio de Fonseca. Agora a exposición vai trasladarse á Fundación Granell, onde permanecerá durante todo 2020, e prevese que poida estar aberta ao público ao longo do vindeiro mes de xaneiro.

O legado de Carlos Maside
O legado de Carlos Maside está integrado por 21 cadros, deles 13 son óleos sobre lenzo, 1 pastel, 3 gouache e 4 debuxos a lapis; polo que esta obra é primordial para coñecer a arte galega da primeira metade do século XX. Inclúe obras que abranguen dende 1930 ata os anos 50 onde se pode apreciar a traxectoria pictórica do artista, pois trátase de pezas de referencia do mesmo.

Carlos Maside foi unha renovador da arte galega xunto a Colmeiro, Seoane, Souto e Laxeiro; a súa obra, entendendo por tal o seu traballo artístico, polifacético, multidisciplinar e intelectual, e a súa produción, son imprescindibles para comprender o renacer da arte galega nestes anos e o avance da plástica en Galicia.

Maside pertencía a ese grupo de artistas que Seoane acuñou co nome de Vós Novos; un grupo que representaría unha actitude intelectual e artística máis crítica coa realidade política e social que a da Xeración Nós.

Compartir: