ALCALDÍA

Composcleta preséntalle ao alcalde as súas propostas para a mellora da mobilidade

12/12/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, reuníronse este xoves coa directiva da Asociación Cívica Composcleta. Na xuntanza participaron Faustino Gómez (presidente), Xaime Cortizo (tesoureiro), Enrique Agrasar (grupo de traballo de infraestruturas) e Manuel Salgado (vogal).

Nesta reunión, Composcleta expúxolle ao alcalde e ao concelleiro diversas propostas para mellorar a mobilidade, entre elas a creación dun eixe norte-sur en Santiago mediante unha vía peonil-ciclista que permita a conexión en bicicleta co Milladoiro. Tamén solicitaron participar no futuro Plan de Mobilidade do Concello.

A Asociación Cívica Composcleta é unha entidade sen ánimo de lucro, membro da Coordinadora Galega en Defensa da Bicicleta e de ConBici. Naceu no ano 2013 co obxectivo de promover a bicicleta como medio de transporte urbano. Dende a súa creación leva a cabo distintas actividades formativas, informativas, lúdicas, culturais, promocionais e divulgativas sobre mobilidade sustentable.

Compartir: