EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico reúnese con responsables da Comisión Europea

21/02/2007 O venres 23 de febreiro os responsables de medio ambiente dos 18 concellos que conforman o sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal –entre eles Santiago– e responsables da CCDR-N reuniranse en Ourense co responsable do Progama LIFE + da Unión Europea.

O programa LIFE+ constitúe o instrumento financeiro máis importante da Unión Europea para a actuación en materia medioambiental, destinado a racionalizar e simplificar a concesión de financiamento durante o novo período de fondos comunitarios 2007-2013. LIFE+ substitúe aos programas financeiros LIFE, ao programa urbano, ao programa ONG e ao Forest Focus, co fin de reunilos nun conxunto único de normas e procedementos de decisión. Preténdese focalizar de forma máis precisa as intervencións comunitarias, facéndoas máis eficaces.

As actuacións do programa LIFE+ van orientadas a dous ámbitos: Aplicación e Gobernanza (que abarca o entre o 75% e o 85% dos fondos), co fin de facilitar o desenvolvemento de instrumentos innovadores que permitan a posta en marcha da política europea de medio ambiente a nivel rexional e local; e a Información e Comunicación (entre o 2% e o 25% dos fondos do programa), para fomentar a difusión de información e aumentar a sensibilización dos cidadáns en materia medioambiental.

O obxectivo principal da reunión é que as cidades obteñan información directa sobre a política medioambiental da Unión Europea e dos instrumentos financeiros que permiten o seu desenvolvemento.

Con este encontro ábrese un ciclo de reunións coa Unión Europea nas principais áreas de traballo do Eixo Atlántico (cultura, modernización administrativa, innovación, educación, enerxía e medio ambiente, turismo e xuventude). Desenvolveranse ao longo de todo o 2007, ano no que comeza o novo período de programación dos fondos comunitarios.

Compartir: