ALCALDÍA

Compostela acollerá o VI Congreso Nacional de Lupus

21/02/2007 A presidenta da Asociación Galega de Lupus (AGAL), Eugenia Escudero, pasou por Raxoi, onde foi recibida polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Este foi invitado por Escudero a participar no VI Congreso Nacional de Lupus, que se celebrará no Auditorio de Galicia os días 11 e 12 de maio.

O día anterior ao encontro, algúns dos participantes no mesmo chegarán á cidade tras facer unha parte do traxecto do Camiño de Santiago. A presidenta de AGAL tamén lle adiantou ao alcalde e á concelleira de Benestar, Adelaida Negreira, as actividades previstas para o Congreso e informouno sobre a problemática que afecta aos enfermos de lupus.

O lupus é unha enfermidade crónica e inflamatoria que pode afectar varias partes do corpo, especialmente as articulacións, os músculos, a piel e os riles. Trátase dunha enfermidade sistémica e autoinmune. Así, o sistema inmune non distingue entre as substancias alleas (antíxenos) e as súas propias células e tecidos, polo que fabrica os anticorpos dirixidos contra o seu propio corpo. Estes anticorpos, chamados auto-anticorpos, reaccionan cos auto-antíxenos para formar os complexos inmunes. Estes acumúlanse nos tecidos e poden causar inflamación, danos aos tecidos e dor.

AGAL proporciona aos afectados información sobre a enfermidade e orienta aos asociados na resolución de problemas médicos, psicolóxicos e sociais. Ademais, promove a comunicación entre os propios afectados e todos os estamentos relacionados coa enfermidade.

Compartir: