ALCALDÍA

Paraugas de cores para reivindicar a diversidade e a inclusión con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

03/12/2019 Compostela sumouse este 3 de decembro á celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Foi a través dun acto celebrado na praza do Obradoiro, baixo o lema "Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade", no que se leu un manifesto reivindicativo dos dereitos das persoas con discapacidade.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu un acto que en Santiago de Compostela foi convocado polas entidades Down Compostela, Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela), Acem (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple), Fegadace (Federación Galega de Dano Cerebral), Aspamite (Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo), Aspanaes (Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista) e Fegadem (Federación Galega de Esclerose Múltiple). En Galicia, foron un total de 78 entidades as participantes nas concentracións, celebradas tamén á mesma hora na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Na praza do Obradoiro concentrouse un bo número de persoas con paraugas para simbolizar unha sociedade plural, diversa e que acolle a todas as persoas por igual, sen diferenzas, e para reivindicar que as persoas con discapacidade sexan consideradas como cidadáns de pleno dereito. Cos seus paraugas de cores, os/as asistentes querían dar unha maior visibilidade ao colectivo e á súa diversidade.

Manifesto
O acto contou coa lectura dun manifesto reivindicativo dos dereitos das persoas con discapacidade e no que diferentes participantes leron frases ou lemas mediante os cales mostraron as súas peticións, desexos, sentimentos... dando así voz aos/ás verdadeiros/as protagonistas dese día.

Di o manifesto que este Día Internacional das Persoas con Discapacidade é unha xornada para "dar voz aos desexos e ás demandas de miles de persoas que en todo o mundo compartimos un mesmo fin: queremos unha vida digna e plena, como a de calquera outro cidadán".

En España hai case catro millóns de persoas con discapacidade e, en Galicia, máis do 8% da poboación. "Somos a minoría máis ampla do mundo, pero aínda cada ano saímos a reivindicar cuestións tan básicas, e á vez, tan complicadas de alcanzar como a accesibilidade plena dos espazos públicos e privados, unha inclusión educativa real ou a garantía de poder acceder a un emprego en condicións de igualdade", leuse no Obradoiro.

As persoas con discapacidade reclaman ser "partes activas da sociedade", sentirse "acompañados, queridos, comprendidos", pero tamén "dispoñer dos apoios, se os necesitamos, e ter escolas onde os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades e onde o seu verdadeiro valor se mida en respecto e empatía e non nun currículo".
Finalmente, o manifesto aposta por unha sociedade comprometida en "lograr cambios para alcanzar un mundo diverso e plural, e queremos que toda a cidadanía, as administracións públicas e privadas, os movementos sociais… estean ao noso lado para facelo posible".

"Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade" naceu en 2016 na cidade da Coruña. As asociacións convocadoras representan en conxunto a unha base social de máis de 40.000 persoas entre persoas con discapacidade, familias, socios/as, voluntarios/as e profesionais. Este foi o segundo ano que a acción se celebrou en Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: