CULTURA

Milladoiro abre un novo semestre do ciclo Sons da Diversidade

21/02/2007 Por cuarto ano, os composteláns poderán disfrutar dos concertos do ciclo Sons da Diversidade. Variedade de estilos e calidade musical para unha proposta "que pretende achegar ao público de Santiago o máis significado que se fai na música en diferentes partes do mundo", en palabras do concelleiro de Cultura, Néstor Rego.

O primeiro semestre da programación do ciclo ofrece cinco concertos. Os primeiros en pasar polo escenario do Auditorio de Galicia serán Milladoiro, que o sábado 24 de febreiro internaranse no universo poético de Manuel María cunha particular homenaxe.

Confirmando a presenza de música africana neste festival, o 24 de marzo chegará o alxerino Khaled, coñecido coma o "Rei do Raï". Tras cinco discos de éxito, presenta en Santiago o seu novo traballo, "Ya Rayi", co que o artista volta ás raíces e transporta ao oínte a un dos típicos cabarés da súa cidade natal, Orán, nos que actuaba ao comezo da súa carreira.

Unha proposta ben diferente é a da caboverdiana Sara Tavares, que vén dende Portugal. Considerada unha das artistas máis interesantes do panorama musical luso, o seu novo traballo, "Balancé", foi definido coma unha aproximación entre Cabo Verde, Brasil e Portugal. A súa actuación está prevista para o 19 de abril.

De Brasil provén Adriana Calcanhotta. Coa súa guitarra e a súa voz, conseguiu converterse nunha das artistas máis recoñecidas internacionalmente de todo Brasil. Esta excelente creadora de cancións estará en Santiago o 26 de maio.

O primeiro semestre da programación de 2007 pecharao a primeira proposta francófona de cantas edicións van de Sons da Diversidade. Trátase de Dominique A, que presenta o seu novo disco "L’horizon", que resume o carácter explorador da súa música. Unha voz particular, guitarra, piano e arranxos de metais para alguén que escribiu un novo capítulo na música francesa. A cita é o 9 de xuño.

Sons da Diversidade mantén os seus horarios e os seus prezos nesta nova edición.

Documentos relacionados



Compartir: