ALCALDÍA

O alcalde afirma que as actuais regras de gasto para os concellos son "inxustas e negativas para a cidadanía"

29/11/2019 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo participou hoxe na apertura da X Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que, baixo o lema "O valor do poder local", se celebra no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago.

Despois do acto, e a preguntas dos medios, o alcalde sinalou que a maior parte dos problemas que "están condicionando a actividade municipal" dependen do Goberno central. "Estamos a falar da regra de gasto e das diferentes disposicións económicas do ministro Montoro, que seguen en vigor e que están sendo dunha perversidade inimaxinable". Sánchez Bugallo puxo exemplos: "os concellos, se non gastaron cartos o ano pasado, non os poden gastar ao seguinte; un concello se non ten débeda, tampouco se pode endebedar…". Son unhas regras, engadiu, que "non se aplican nin ás comunidades autónomas nin ao propio Estado e que están condicionando e limitando gravemente a actividade municipal"

Segundo o rexedor, "está habendo toda unha serie de limitacións que teñen un único fin: evitar que os concellos gasten cartos". En realidade, di, con iso a quen se está a prexudicar é aos veciños e veciñas, xa que, explicou, "a Administración local é, con enorme diferencia, a máis saneada e a menos endebedada das Administracións públicas". Concluíu Sánchez Bugallo que é imprescindible modificar as "leis de Montoro", que ao Estado lle veñen moi ben, porque se xera un superávit ficticio que tapa o déficit excesivo doutras administracións públicas". Pero iso, rematou, "é inxusto e negativo para a cidadanía, porque afecta aos servizos que se lle ten que prestar".

Asemblea
Neta Asemblea da FEGAMP estaba previsto aprobar as normas de funcionamento interno, presentar a memoria de xestión do período 2015-2019, constituír a mesa da Asemblea e debater as distinta propostas de resolución. Xa pola tarde, escolleranse os órganos de goberno da FEGAMP.

A Federación Galega de Municipios e Provincias é unha entidade asociativa constituída polos 313 concellos galegos, as catro deputacións provinciais e as nove entidades locais menores existentes no ámbito territorial de Galicia.

Naceu en 1988 co obxectivo de promover, representar e defender os intereses dos organismos locais galegos. Con sede única en Santiago de Compostela, a FEGAMP conta cun corpo administrativo propio e cuns órganos de goberno que se renovan cada catro anos en función do mapa político municipal galego.

Compartir: