PLENO

A Corporación propón a concesión da Medalla de Ouro da cidade ao Colexio de Avogados de Santiago

27/11/2019 O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade propor a concesión da Medalla de Ouro da cidade ao Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, que o pasado 16 de novembro celebrou o seu 175 aniversario da súa fundación. A proposta será sometida ao ditame do Consello Asesor de Condecoracións.

A moción presentada polos catro grupos municipais recorda que a institución foi creada o 16 de novembro de 1844 por apenas 20 integrantes, moi lonxe dos case 1.500 membros que conforman hoxe a organización. "Na historia de Compostela son poucas as institucións que hoxe teñan unha historia tan longa e consolidada no tempo e que estean vencelladas á nosa cidade", indica a proposta.

A Corporación recoñece o traballo do Colexio para que "Compostela tivese un maior peso institucional e xudicial no país", e tamén o seu compromiso en "todas as reivindicacións de novos órganos xudiciais para a nosa cidade" e "ao servizo dos intereses da capital galega".

Ademais, valórase a súa colaboración no "asesoramento en materia de xustiza gratuíta ou desafiuzamentos a diferentes colectivos", un labor que recalca "a súa vocación co benestar dos cidadáns de Compostela".

Emigración
No capítulo de mocións, aprobouse unha do BNG que se dirixe ao Parlamento de Galicia para que "tome en consideración a emigración coma un drama social e nacional", instando á Xunta a "impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e creen as condicións para favorecer o retorno das nosas persoas emigradas". Pídese ao Parlamento a creación dunha ponencia sobre esta cuestión para formular as políticas e medidas necesarias.

Esta moción recibiu o voto favorable de PSdeG-PSOE, CA e BNG e a abstención do PP. Sobre esta cuestión falou ao inicio do pleno Anxo Louzao, en representación da plataforma social Vía Galega, que está desenvolvendo unha campaña sobre esta materia.

Recuperación ambiental do Sar
Tamén foi ratificada a moción de Compostela Aberta –parcialmente emendada polo PP- mediante a que solicita unha batería de medidas para a recuperación ambiental do río Sar. Estas actuacións tamén foron presentadas por Antón Bouzas, en nome da Plataforma pola recuperación do Sar. Aprobouse cos votos a favor de PP, CA e BNG e coa abstención do PSdeG-PSOE.

Entre as solicitudes figuran, entre outras: a participación dalgún representante do Concello no equipo avaliador do procedemento de diálogo competitivo sobre o proxecto da depuradora da Silvouta; a reclamación de información sobre as investigacións e sancións relativas ás verteduras producidas, e tamén sobre a marcha da redacción do proxecto de colector xeral do río Sarela; a realización de tarefas de limpeza; instar á Xunta a declaración do Souto como Espazo Natural de Interese Local; solicitar a protección hidrolóxico-forestal de todas as cuncas do Sar, demandar a restauración das Pontes do Sar ou reclamar a conservación, protección e actualización do catálogo de bens culturáis respecto aos elementos patrimoniais vinculados ao río Sar.

Senda peonil de Figueiras
A Corporación aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG e defendida tamén polo presidente da Asociación de Veciños de Figueiras, Xosé Quintáns, instando á Deputación da Coruña a abrir unha vía de diálogo para solucionar as deficiencias detectadas no proxecto da senda peonil entre Santiago e Figueiras, coa finalidade de que as obras se inicien no ano 2020.

Outras mocións
Tamén recibiu o visto bo outra moción do BNG –emendada polo PSdeG-PSOE- instando á Xunta de Galicia á construción e posta en funcionamento dun centro de día público nas Fontiñas. Votaron a favor os grupos socialista, nacionalista e CA, e abstívose o PP.

Seguindo coas mocións nacionalistas, recibiu o visto bo unánime outra demandando a activación da convocatoria dos consellos de participación cidadá.

A proposta do Partido Popular, saíu adiante unha moción para a adopción de medidas de impulso para eliminar a violencia contra a muller e a explotación sexual. Votou a favor o grupo propoñente, abstívose o PSdeG-PSOE e votaron en contra CA e BNG.

Para rematar o Pleno, aprobáronse por unanimidade tres mocións máis: unha presentada polo PP para a instalación de desfibriladores externos semiautomáticos nas instalacións municipais; outra tamén do PP para a edición dun libro sobre a vinculación de Ricardo Carvalho Calero coa cidade de Santiago; e unha de Compostela Aberta para a celebración do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal.

Compartir: