ALCALDÍA

Entregado o Premio Internacional Pentafinium Xacobeo 2016-2017

20/11/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu en San Martiño Pinario ao acto de entrega do Premio Internacional Pentafinium Xacobeo 2016-2019, convocado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

Na modalidade de investigación, o galardón recaeu a título póstumo na obra El sepulcro de Santiago. Documentos. Toponimia. Arqueología, de Alejandro Barral (1930-2018). Recibiu o premio o Deán da Catedral, Segundo Pérez.

O autor, Alejandro Barral, naceu no Grove o 11 de xullo 1930 e faleceu aos 88 anos en Santiago de Compostela hai un ano, o 20 de novembro 2018. Dende 1982 era cóengo da Catedral de Santiago, sendo nese tempo cóengo de Arte, director do Museo da Catedral e secretario do consello de Fábrica. A raíz da súa xubilación, dende 2013 era cóengo emérito da Catedral de Santiago de Compostela e os últimos anos das súa vida dedicounos a elaborar a obra agora premiada, falecendo cando esta xa estaba preparada para a imprenta.

En canto ao resto de modalidades, Isabel San Sebastián, foi galardoada na categoría de literatura; Santiago Escribano, no ámbito da fotografía; Ana López Martín, na imaxe cinematográfica; John Arme Jason, en pintura; o grupo Brigan, en música, e Michele Lescure (a título póstumo) e Ramón Rodríguez no campo da escultura.

Compartir: