ALCALDÍA

O alcalde aborda co presidente do Parlamento a coordinación da programación cultural en torno á figura de Ricardo Carvalho Calero

15/11/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, reuníronse este vernes co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, para coordinar a programación divulgativa das dúas institucións en relación á figura de Ricardo Carvalho Calero, a quen en 2020 se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Entre os proxectos nos que traballa o Parlamento de Galicia figura unha publicación para afondar no coñecemento de Carvalho Calero, así como unha exposición conformada por material bibliográfico e documental vinculados ao autor, que será incorporada ao programa de visitas á institución e nas xornadas de portas abertas.

A biblioteca persoal e o fondo documental atesourado por Ricardo Carvalho Calero durante toda a súa vida está depositado no Parlamento de Galicia, institución que adquiriu este material en 1997 e que, unha vez catalogado, pon a disposición dos investigadores e persoas interesadas na súa consulta.

Fondos
A que no seu momento fora biblioteca persoal de Ricardo Carballo Calero está catalogada dende o ano 2012 e integrada por 4.872 volumes e 197 títulos de revistas. A maioría dos libros gardan relación coa literatura e a lingüística, disciplinas nas que se centrou o labor profesional de Carvalho Calero, que foi o primeiro catedrático de lingua e literatura galega da Universidade de Santiago; conta, ademais, con obras de historia ou filosofía.

Esta biblioteca pode resultar especialmente interesante para os investigadores que traballen no eido da lingüística e a literatura galegas. Inclúe unha moi completa colección de obras de autores galegos dende o século XIX ata a década dos 80 do século pasado, entre as que se atopan gran cantidade de primeiras edicións, coleccións completas e obras de edicións esgotadas que no seu momento tiveran edicións de moi pequena tirada. Destacan tamén primeiras edicións de autores da Xeración do 27.

O Parlamento de Galicia custodia tamén o arquivo persoal de Carvalho Calero, descrito en preto de 3.500 entradas catalográficas. Polo de agora, a visualización e descarga deste material está reservada á Intranet do Parlamento, pero é intención da Cámara facilitar o acceso universal e aberto aos diferentes materiais a medida que se dispoña de autorizacións ou que os documentos pasen a ser de dominio público, o que non impide a súa consulta na sede parlamentaria.

Cartas e manuscritos
Este fondo documental está integrado por material diverso no que se inclúen manuscritos do propio autor e preto de 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernández del Riego, Montero Díaz, Parga Pondal, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Álvarez Blázquez, Rodrígues Lapa ou Sebastián Martínez Risco.

O Parlamento de Galicia custodia tamén a biblioteca dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte (os dous foron escritores e xornalistas) e a da escritora Elena Quiroga e o marido desta, Dalmiro de la Válgoma.

O catálogo desta colección, ao igual que o catálogo xeral da biblioteca do Parlamento, pode consultarse a través da web da institución.

Compartir: